Deputación de Pontevedra

O pleno aproba unha modificación de crédito de 2 M€ para investimentos nos concellos da provincia

O pleno da Deputación de Pontevedra, na sesión correspondente ao mes de outubro, deu luz verde tamén á nova axenda rural e urbana que rexerá o desenvolvemento da provincia no futuro inmediato.

Susana Pedreira

Pontevedra |

O pleno aproba unha modificación de crédito de 2 M€ para investimentos nos concellos da provincia | Deputación de Pontevedra-Rafa Estevez

Así mesmo, a sesión serviu para aprobar unha moción presentada polo grupo popular para solicitar ao Goberno central o apoio e recoñecemento ao labor que realiza a Garda Civil comprometéndose a manter a súa presenza en todos os cuarteis da provincia e dotándoa de máis medios persoais e materiais.

O punto principal da sesión, aprobado cos votos favorables de populares e nacionalistas malia o rexeitamento dos socialistas, foi unha modificación de créditos, a quinta deste ano, por valor de 2 millóns de euros que se destinarán a realizar distintos investimentos nos concellos da provincia, entre os que sobresae o convenio de colaboración co Concello de Pontevedra valorado en 940.000 euros para a construción do viario de conexión entre a Avenida de Marín e a rúa Rosalía de Castro en Mollabao, os 350.000 euros para a humanización da Praza de Cimadevila, en Soutomaior, ou unha achega de 60.000 euros para a iluminación das Aldeas de Nadal en Lalín, entre outros investimentos relacionados con obras, cultura ou emprego.

Por unanimidade foi aprobada a nova Axenda Rural e Urbana que rexerá o desenvolvemento da provincia nun futuro inmediato. Un documento que estratéxico e transversal que recolle un plan de acción centrado en seis dimensións temáticas e 38 liñas de acción concretas. A primeira está relacionada coa cohesión e vertebración do territorio, a segunda, coa integración social; a terceira, co desenvolvemento económico e empresarial; a cuarta, coa natureza, o patrimonio e a identidade territorial; a quinta, coa calidade de vida, accesibilidade e igualdade; e a sexta leva o nome de metabolismo territorial circular e céntrase na xestión eficiente dos recursos (auga e enerxía) e na redución da xeración de residuos.