O SLG alerta de que o transporte escolar pode ser un foco de contaxio da Covid-19 no rural
No caso dos alumnos e alumnas do rural, o SLG denuncia que "asistimos con especial preocupación ás condicións en que se está a realizar o transporte escolar"
Dende o Sindicato Labrego Galego asistimos con máxima preocupación a un comezo do curso escolar no que, nin a Xunta de Galicia, nin consellarías responsábeis como Educación ou Sanidade, fixeron os deberes de cara a garantir a saúde da rapazada, do profesorado e das súas familias.
No caso dos alumnos e alumnas do rural, asistimos con especial preocupación ás condicións en que se está a realizar o transporte escolar: imposibilidade de manter as distancias de seguridade, espazo pechado durante períodos de tempo longo para levar e traer aos nenos e nenas da casa á escola e viceversa, constancia de que non se están a desinfectar os autobuses despois de cada uso, etc. Ademais, estamos a falar de vehículos nos que, na mesma xornada, transportan o alumnado dos institutos e, despois, os nenos e nenas de infantil e primaria. Nestas condicións, de pouco serve que cada neno ou nena use sempre o mesmo asento (en moitos casos, imposible por haber máis nen@s que prazas).
Hai que ter en conta que nos fogares do rural adoitan convivir varias xeracións nun mesmo domicilio, dende persoas maiores a nenos e nenas, pasando polos seus proxenitores. Dado que a rapazada moitas veces é asintomática en caso de infectarse de Covid-19, as condicións actuais que se dan nas aulas e no transporte escolar poden favorecer a transmisión do virus a poboación vulnerable.
O colapso dos servizos de pediatría deixa desasistida a rapazada rural
Outro factor de risco no rural que vemos con preocupación é o colapso que se está a producir nos puntos de atención continuada e, en especial, en pediatría -nos concellos onde teñen a sorte de ter especialista- por mor da Covid-19. Os protocolos sanitarios aconsellan levar os nenos e nenas á/ao pediatra en caso de que aparezan síntomas compatibles coa pandemia. Así, diante de simples catarros que, en circunstancias normais, non serían impedimento para ir á escola, os nenos e as nenas deben quedar nas casas e, de persistir, levalos á pediatra. No caso do medio rural, coa falta de recursos humanos e materiais que padecemos nos centros médicos, o colapso dos e das especialistas en pediatría é maior, polo que unhas consultas que se deberían facer con urxencia decotío poden levar días de demora en detrimento da escolarización dos nenos e nenas afectad@s.
Nesta situación, dende o SLG queremos volver a reivindicar e defender a necesidade de apostar decididamente por un ensino e un sistema sanitario públicos fortes, dotados con suficientes recursos materiais e humanos para que chegue en igualdade de condicións a toda a poboación, viva onde viva, e para que toda esa poboación desfrute en igualdade de condicións dos dereitos á educación e á saúde. O desmantelamento sufrido nos últimos anos, tanto da atención médica máis achegada nos concellos pequenos como do ensino, co peche continuado de centros escolares, fai que estes dereitos sexan contemplados como unha afastada utopía para as persoas que vivimos no rural. Por iso, neste contexto de crise transversal en todos os ámbitos provocada pola pandemia, dende o SLG imos estar vixiantes para reclamar para as persoas que vivimos no rural os mesmos dereitos e servizos que para aquelas que viven en ámbitos urbanos, sexa no eido sanitario, sexa no eido educativo; e, chegado o caso, denunciar calquera recorte ou menoscabo destes dereitos.