A Deputación e a Xunta garantizan o seu compromiso cos regantes da Limia
Ambas institucións reclamarán ao Goberno Central que execute os seus compromisos económicos, como pode ser asumir o IVE deste proxecto.
Trátase dunha obra que, con todos os custes aproxímase aos 50 millóns, investimento moi importante onde están implicados o Goberno Central e a Xunta, e onde colabora a Deputación para aportar os recursos necesarios para culminala, o que dará lugar a 4.000 hectáreas de regadío nunha comarca senlleira e eminentemente agrícola.
Menor relatou que había certas dificultades porque o Goberno Central négase a asumir certos costes como o IVE, “algo que xa fixo noutros lugares, e reclamarémolo. Como non podemos poñer en perigo ese proxecto, damos a garantía de que a Xunta e a Deputación asumirán eses costes se finalmente o Goberno Central non os asume”, proclamou o presidente provincial. “Damos total seguridade a que este proxecto será unha realidade. Ese é o compromiso que hoxe adquirimos”.
Compromiso firme
Neste senso, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, subscribiu as palabras de Menor e manifestou que o compromiso de Alfonso Rueda e da Xunta de Galicia é claro e notorio, “proba delo son as inversión que levamos feita case 7 millóns de euros para poñer en funcionamento 40 pozos de regadío, imprescindible para acometer a modernización do regadío da Limia”.
Así, a directora xeral recalcou que “por iso solicitamos ao Goberno Central que se comprometa. Se fan un esforzó e teñen vontade, poden asumir o IVE, así como facilitar trámites administrativos para poder ampliarse e chegar a máis puntos. A Xunta vai estar sempre ao carón dos regantes”.
Pola súa banda, o presidente da comunidade de regantes, Amador Saborido, sinalou que “esta viaxe a Santiago foi máis que satisfactorio”, lembrando que A Limia “é a comarca agrícola máis importante de Galicia, non debemos deixar pasar esta oportunidade. Sen o apoio da Xunta e a Deputación este proxecto poderíase tambalear. Esta obra suporá un antes e un despois para a nosa comarca agrícola”.