A XXIX Xuntanza Internacional de Gaiteiros reúne no Castelo de Monterrei a solistas, bandas e cantareiras

O evento terá lugar este sábado 14 de xuño e inclúe concertos, exposicións, conferencias e obradoiros didácticos.

ondacero.es

Ourense | 13.06.2014 12:50

O Castelo de Monterrei acolle este sábado, 14 de xuño, a “XXIX Xuntanza Internacional de Gaiteiros”, que organiza a Deputación de Ourense en colaboración co Concello de Monterrei. A fermosa contorna da fortificación medieval de Monterrei servirá de escenario un ano máis para que bandas, músicos e cantareiras exhiban o arte secular do instrumento máis arraigado na cultura popular, ourensá, galega e europea: a gaita.

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, acompañado polo alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, e polo director da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda, Xosé Lois Foxo, presentou no Pazo Provincial as actividades da XXIX edición da Xuntanza Internacional de Gaiteiros. Nesta presentación, o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, agradeceu á Deputación de Ourense a achega económica que fai posible a celebración deste evento, sobre o cal o pleno do Concello de Monterrei xa se pronunciou para solicitar que sexa declarado de Interese Turístico.

Pola súa banda, Xosé Lois Foxo dixo que a filosofía da Xuntanza “é potenciar a gaita e enriquecerse coas achegas de gaiteiros que nos visitan doutros lugares” e engadiu que este evento “foi dende 1986 un berce de grandes gaiteiros, algo do que nos sentimos moi ledos”. Foxo subliñou tamén as relevantes figuras que este ano participan na Xuntanza, como son os gaiteiros solistas Stjepan Veckovic, de Croacia; Filiz Ikay, de Turquía, e Juanjo Fernández, de Lugo, aos que hai que sumar os Gaiteiros Mirandeses, de Portugal; o Grupo Urzes, de Madrid, e as bandas ourensáns que participan na Xantanza: Cuarteto Monterrei, Banda de Gaitas de Verín, Grupo de Zanfonas da Escola Provincial de Gaitas, Banda de Gaitas Terras do Cigarrón, Banda de Gaitas de Riós, Gaiteiros de Flariz, Cantareiras da Real Banda e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

O evento, que comezará ás 18 horas do sábado, servirá tamén para recoñecer o apoio á divulgación dos temas referidos á gaita que ten realizado o xornalista Alberto Fernández, a quen se lle concede este ano a Medalla da Xuntanza.