A Xunta concedeu case 120.000 axudas a empresas e autónomos
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, expuxo no Parlamento de Galicia algúns dos indicadores que evidencian o impulso que o Goberno galego está a dar ás políticas de emprego.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade concedeu axudas o ano pasado a 118.554 beneficiarios por valor de máis de 544 millóns de euros. En 102.955 casos (o 87%) os apoios chegaron a empresas e traballadores autónomos. Este indicador foi un dos apuntados pola conselleira, María Jesús Lorenzana, no Parlamento de Galicia, no que defendeu o impulso ás políticas de emprego como un dos eixos prioritarios da acción do Goberno galego.
Ademais dos apoios sinalados, a Xunta tamén levou a cabo 1.423 accións formativas nas que participaron 20.000 persoas; puxo en marcha 2 plans de rescate autonómicos por máis de 182 millóns de euros, cos que se atenderon 80.000 solicitudes que recibiron os pagamentos, como media, por debaixo dos 15 días dende a presentación do formulario de solicitude.
Lorenzana remarcou que as novas actuacións da Xunta reverterán na mellora da cualificación e empregabilidade da cidadanía, promoverán o emprendemento e os apoios á contratación e favorecerán a competitividade e consolidación das actividades empresariais. En 2021 a área que dirixe comprometeu un total de 612 millóns de euros, o que representa un 153% respecto do orzamento inicial de 400,8 millóns da consellería para dito exercicio, un esforzo levado a cabo para dar resposta ás necesidades emanadas da crise sanitaria.
Indicadores laborais
O mercado galego está a avalar, a xuízo da conselleira, a xestión realizada no eido laboral. Así, aseverou Lorenzana, desde que comezou a pandemia saíron dun ERTE cerca de 160.000 traballadores, o 96,7% dos afectados e que os datos da EPA reflicten que Galicia rexistra unha cifra de afiliacións non vista un abril desde 2009. Na fotografía que fixo do mercado laboral galego, Lorenzana destacou o número de persoas paradas é o máis baixo (150.602) nun abril de toda a serie histórica e a caída interanual (-11,81%) a maior en 26 anos.
A conselleira lembrou que desde decembro de 2021 ata a semana pasada, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publicou no Diario Oficial de Galicia 96 resolucións e ordes de axuda e leva subscritos máis de 40 convenios, o que permite dar fe de que se está a traballar pola formación e a colocación, polo emprego, polo traballo autónomo, pola economía social, polas relacións laborais e pola igualdade e a loita contra a violencia de xénero.
Neste marco, o Goberno galego está a apoiar con liñas específicas aos colectivos prioritarios a través dos Plans Emprega que xa levan un elevado índice de execución, ¨re o caso do Emprega Muller co 50% dos seus 35,8 M€ xa activados; Xuventude, dotado con 51,8M€ co 100% en execución); e o de Discapacidade e Exclusión Social con 40M€, dos que 70% activos. En paralelo, no primeiro trimestre deste ano se activaron 26M€ en apoios a autónomos e pequenas empresas, indicou a conselleira.
“Precariedade indefinida”
Lorenzana lamentou as mensaxes triunfalistas e o exercicio de “maquillaxe” que o Goberno central está a facer cos datos de emprego, xa que o novo marco laboral está facendo que se pase “da precariedade temporal á precariedade indefinida”, xa que os contratos fixos descontinuos, indicou, están a representar o 25% das contratacións.
Así, especificou, a aplicación efectiva da reforma laboral non se está a corresponder cun aumento do emprego de calidade, senón que o que se está a producir é un transvase de contratos temporais a fixos descontinuos. “Non imos permitir que se compare a política laboral e económica do Estado co que se leva facendo anos na Xunta, de maneira coherente e sempre en contacto co sector produtivo”, rematou a titular de Promoción do Emprego.