Igualdade

Unha nova certificación distinguirá ás empresas comprometidas coa igualdade

Maria Jesús Lorenzana incide en que as políticas de conciliación teñen que ir máis aló dunha compensación económica e mudar cara a promover un bo uso dos tempos e dos horarios nas firmas

Óscar Gómez

Ourense | 09.03.2022 13:25

O desemprego en galicia cae por primeira vez en toda a serie historica nun mes de outubor | onda cero

A Xunta está a ultimar no seo do Diálogo Social, tras 18 encontros sobre esta materia coa patronal e os sindicatos, a nova regulación da Certificación galega de excelencia en igualdade, un novo selo co que se distinguirá ás empresas galegas comprometidas coa igualdade entre mulleres e homes e que fomenten o benestar laboral entre os seus traballadores. Trátase dun recoñecemento público ás compañías que sexan exemplo de boas prácticas neste eido.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avanzou no Parlamento de Galicia que os requisitos básicos para acceder a esta marca xa foron acordados, sendo un dos seus eixos centrais lograr a eliminación da discriminación salarial nos postos de traballo. E é que para acceder á certificación esixirase que as compañías acrediten no período de vixencia da marca a igualdade de retribución por traballos de igual valor. Outra das condicións principais será que as empresas leven a cabo unha formación mínima de oito horas en igualdade laboral entre as persoas con responsabilidade na empresa, integrantes das comisións negociadoras e de seguimento.

A conselleira de Emprego e Igualdade incidiu que este novo selo é unha medida máis da aposta da Xunta pola conciliación e a corresponsabilidade, un eido ao que o departamento autonómico destina este ano 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021. O orzamento materialízase, entre outras actuacións, no programa Emega de apoio ao emprendemento feminino; en axudas para compensar a redución da xornada laboral e fomentar a corresponsabilidade; e en apoios para promover a flexibilidade horaria e o teletraballo, ás entidades locais para fomentar a conciliación e aos autónomos para cubrir a baixa por maternidade ou paternidade ou ben para o coidado dos menores, maiores ou persoas dependentes.

Lorenzana tamén puxo en valor a nova Lei galega de igualdade de mulleres e homes que dedica un capítulo enteiro ao benestar laboral nas organizacións para acadar a integración da perspectiva de xénero no teletraballo e o fomento da calidade no emprego feminino. En palabras da titular de Emprego e Igualdade, ponse o foco en concienciar respecto da necesaria redistribución dos tempos de traballo, ofrecendo modalidades máis flexibles para desempeñar un posto de traballo e poder compatibilizar este exercicio coa atención das responsabilidades familiares e o desfrute da vida persoal.

Por último, a conselleira sinalou que o Goberno galego traballa no deseño do II Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2022-2025 e na avaliación da totalidade da primeira edición desta iniciativa que se iniciou en 2018 e rematou en decembro de 2021. Ata 2020 cumpríronse 7 de cada 10 medidas deste instrumento que contou cun orzamento de máis de 848.755.030 euros e que se artellou sobre cinco áreas estratéxicas con 15 obxectivos específicos e 100 medidas concretas.

En definitiva, Lorenzana asegurou que a Xunta ademais de apoiar “múltiples axudas” á conciliación traballa “por unha corresponsabilidade real no fogar e unha redistribución de roles no ámbito familiar”. Así, sinalou que considera prioritario poñer o foco en medidas que incidan na igualdade laboral entre mulleres e homes, na implicación do tecido empresarial e no benestar laboral das organizacións. “As políticas de conciliación non se poden quedar nunha compensación económica para a muller ou o home que reduce a súa xornada laboral, teñen que cambiar cara a unha racionalidade e un bo uso dos tempos e dos horarios nas organizacións e para iso é clave facer partícipes as nosas empresas”, rematou.