O Psoe de Ourense apoia a diversidade afectivo-sexual
O grupo municipal socialista reuniuse coa entidade social, que leva funcionando desde o ano 2015, para atender as súas demandas e propostas para acadar unha sociedade máis inclusiva.
O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ourense intenta recuperar e ampliar o tecido social da cidade logo de 8 anos nos que as políticas locais deixárono de lado cos gobernos do Partido Popular e Democracia Ourensana. Neste marco, levouse a cabo unha reunión coa presidenta de Arelas (asociación de menores e mocidade trans de Galicia), Carlota Freire, para recoller algunhas das propostas que a entidade considera necesarias na sociedade actual.
Tal e como desde a mesma organización manifestan, a cidadanía ten dereito a desenvolver “o seu proxecto vital con total liberdade, dignidade e igualdade de oportunidades naturalizando que todos somos diversos”. Partindo desta premisa, faise imprescindible a formación e información da sociedade en xeral e dos profesionais públicos en particular á hora de prestar servizos aos veciños e veciñas de Ourense.
“Entre as nosas labores está a de axudar e orientar aos menores, pero tamén á mocidade ata os 25 anos, que acoden á asociación por problemas derivados da súa disforia de xénero como pode ser o rexeitamento familiar e social ou o desconcerto ao non saber como e cando poden iniciar os seus procesos de cambio, entre outras cousas”, explicou Freire na reunión mantida na sede dos socialistas ourensáns.
A voceira municipal e secretaria xeral do partido en Ourense, Natalia González Benéitez, amosou o compromiso da súa formación de poñer en marcha campañas para visibilizar todas as realizades, así como de información, ou revisar e corrixir todos aqueles formularios da Administración local que non son totalmente inclusivos. “Os maiores avances sociais neste país déronse sempre con gobernos do PSOE, iso é indiscutible, e lamentamos profundamente a situación actual. No noso ADN vai impreso a colaboración coas entidades sociais porque son as que mellor coñecen as realidades das persoas que se achegan a elas. No caso de Arelas, agradecémosvos o fantástico traballo que levades facendo estes anos en toda Galicia”, trasladoulle á presidenta da asociación.
A importancia da saúde mental como acompañamento ás persoas transexuais (afastándose da patoloxización), programas e obradoiros nos centros educativos e bibliotecas municipais ou a creación dunha sección especializada dentro da Policía Local (tal e como existe na Policía Nacional) foron algún dos temas abordados na reunión que o PSdeG-PSOE terá en conta tanto no que queda de lexislatura como tralas eleccións do 28 de maio.