A provincia de Ourense promocionarase na sexta feira “Expocidades”
O evento, organizado polo Eixo Atlántico, celebrarase do 13 ao 15 de maio en Ferrol
A Deputación de Ourense -como socia do Eixo Atlántico- promocionará a través do Inorde, o conxunto dos recursos da provincia de Ourense na sexta edición da feira “Expocidades” que pretende promover o turismo de proximidade entre as localidades galegas e portuguesas que forman parte do Eixo. Os visitantes poderán coñecer durante eses días os numerosos recursos turísticos que ofrece a provincia de Ourense, desde os seus itinerarios xacobeos, o programa de termalismo social da Deputación de Ourense, así como os xeodestinos que integran o noso territorio.
A participación do Inorde neste encontro “pretende dar continuidade a ese traballo de promoción que estamos a realizar desde o goberno provincial, participando nestes foros que son o escaparate perfecto para dar a coñecer a nosa oferta sostible e de calidade entre un mercado de proximidade”, dixo o presidente do Inorde, Rosendo Fernández. Así mesmo, salientou a importancia de participar en eventos como “Expocidades” que “fomentan o traballo en rede e cooperativo entre institucións porque é a maneira de lograr proxectos que repercutan positivamente no desenvolvemento social e económico dos nosos territorios”.
Neste mesmo sentido, Rosendo Fernández lembrou que o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, preside o Foro Termal do Eixo Atlántico, “un dos recursos turísticos que máis estamos a potenciar en Ourense, e máis agora coa chegada da Alta Velocidade e coa reconversión do Pazo Provincial no futuro balneario urbano de referencia en Europa. Recurso ao que lle temos que sumar as numerosas propostas naturais, patrimoniais e enogastronómicas que ofrece a provincia e que a converten nun destino cunha ampla e variada oferta turística como así o demostran os datos que recollen o incremento de visitantes”.
O evento, organizado polo Eixo Atlántico, celebrarase do 13 ao 15 de maio, na Praza de Armas de Ferrol, reunindo a 32 casetas -16 galegas e 11 portuguesas e o resto doutras cidades-.