Protección Civil inicia a campaña de Nadal de recollida de alimentos e xoguetes
Estenderase até o 10 de xaneiro e daralle apoio ao labor que desenvolven o Banco de Alimentos, Progape e outras asociacións.
Protección Civil do Concello de Ourense inicia unha nova edición da campaña de Nadal de recollida de alimentos e xoguetes, que se estenderá até o día 10 de xaneiro. A agrupación ourensá convida a cidadanía a colaborar nesta iniciativa, que permitirá darlle apoio ao labor que desenvolven na cidade o Banco de Alimentos e a protectora de animais Progape, así como a distintas parroquias, asociacións e colectivos aos que se lles serán entregados os xoguetes.
A campaña do ano anterior pechouse con máis de 7 toneladas de alimentos e miles de xoguetes recompliados. Este ano, a organización ten como reto duplicar estas cantidades, polo que apela a veciñanza para que colabore e deposite as súas achegas nos máis de 130 puntos de recollida ou chamen ao teléfono 616 908 507, no que poden sumarse como punto de recollida ou para recoller donacións de alimentos ou xoguetes.
A campaña púxose en marcha esta mañá nun acto no que participaron o concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha, o xefe do servizo e o oficial de Bombeiros, a coordinadora do Banco de Alimentos de Ourense, Natalia González Valencia, o voluntario desta entidade, Miguel Ángel Castro e voluntariado de Protección Civil de Ourense.
Premio do movemento veciñal
O servizo de voluntariado de Protección Civil de Ourense foi galardonado o pasado domingo nos VIII Premios Crer no movemento veciñal, que outorga a Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro – Cogave. O premio concedéuselle a Protección Civil de Ourense a proposta da Federación de AA VV Limiar “pola súa incansable axuda aos cidadáns en momentos de especial vulnerabilidade” durante a pandemia. Con estes galardóns, Cogave pretende recoñecer o labor de persoas e entidades que dende os seus ámbitos de actuación promoven os valores do movemento veciñal.
Este recoñecemento súmase ao da Xunta de Galicia, que lle concedeu a Protección Civil a medalla de ouro ao mérito, extensiva ás agrupacións de voluntarios que traballaron durante a pandemia. O Servizo de Voluntariado de Protección Civil do Concello de Ourense nace en 1995 e leva inncuantificables intervencións, participando en todos os lugares onde se lles require e ao lado daquelas persoas que o precisan nos momentos en que son máis vulnerables, accidentes, busca de persoas desaparecidas, emerxencias, concentracións de masas, relixiosas, culturais, deportivas, musicais, etc.