O presidente da Deputación visita á rodaxe de La Manzana de Oro
Manuel Baltar agradeceu a elección da provincia para este proxecto, patrocinado polo goberno provincial, e “que se verá referendado na 27 edición do Festival de Cine de Ourense, que é o festival do cinema de Galicia”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou no Pazo de Bentraces (Barbadás) a rodaxe da película La Manzana de Oro, filme que se está a rodar de xeito íntegro en escenarios da provincia de Ourense e que conta co patrocinio da Deputación. Durante o transcurso da visita, na que estivo acompañado polos produtores Mario del Real e Xosé Zapata, e parte do elenco artístico -entre os que que destacan Sergi López, Adrián Lastra, Marta Nieto ou os ourensáns Elena Seijo e Abelo Valis-, o presidente provincial defendeu a estratexia que está a desenvolver a Deputación para converter a Ourense nun gran plató, “pois as producións audiovisuais son cultura que perdura no tempo, ademais de promover e dar visibilidade ao territorio”.
supón a volta ao cine de Jaime Chávarri
Manuel Baltar non dubidou do éxito dunha produción que “ogallá teña unha segunda parte”, agradecendo a elección da provincia para este proxecto, “que se verá referendado na 27 edición do Festival de Cine de Ourense, que é o festival do cinema de Galicia”.
Mario del Real expresou a súa satisfacción polo desenvolvemento do proxecto, “un reto que ademais supón a volta ao cine de Jaime Chávarri”, pero sobre todo recoñeceu que “é todo un acerto vir a rodar a Ourense, onde o apoio da Deputación foi fundamental”. Unhas palabras ás que se sumou Xosé Zapata agradecendo a axuda do goberno provincial para facer realidade este tipo de proxectos e a hospitalidade de Ourense co cine”.
Seis semanas e media de rodaxe
A rodaxe de La manzana de oro iniciouse o 25 de abril e rematará, segundo as previsións dos produtores, o próximo 8 de xuño. Seis semanas e media de gravación no Pazo de Bentraces e noutras localizacións próximas da provincia.
A película está baseada na novela “Ávidas pretensiones”, de Fernando Aramburu, Premio Biblioteca Breve que anualmente concede a editorial Seix Barral. O guión é do propio Chávarri e de Jose Ángel Esteban. Narra a historia dun invitado inesperado que desestabiliza as xornadas poéticas que cada ano reúne nun illado convento do noroeste peninsular a distintas tendencias da poesía española. Mentres os poetas escriben e recitan na procura dun premio dourado, unha sospeita de plaxio, a loita por participar nunha futura antoloxía, a irreverencia dun rapeiro, o aniversario dun poeta centenario e outras situacións máis acabarán por rematar nunha noite de treboada, logo do triunfo inesperado dunha nova estrela feminina da poesía contemporánea.