Obras de dúas novas sendas en Montealegre e en Valdorregueiro cun investimento de 1,6M€
Executaranse 2,2 km de itinerarios nas marxes das estradas OU-101 e OU-150 para favorecer a mobilidade dos veciños destes dous núcleos en condicións de seguridade, xa que actualmente estas vías non dispoñen dun espazo propio para o tránsito de peóns
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación das obras de dúas novas sendas en Montealegre e en Valdorregueiro, en Ourense, cun investimento da Xunta de case 1,6 M€.
Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou hoxe en Montealegre, as actuacións previstas nesta zona na vía autonómica OU-101, ademais de na OU-150, en Valdorregueiro. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle xa a licitación do contrato para a execución destas dúas novas sendas.
A conselleira adiantou que o obxectivo é iniciar as obras no verán, avanzando, en paralelo, nos tramites expropiatorios das 45 fincas precisas para que os veciños poidan ter á súa disposición as novas sendas na primavera do próximo ano, xa que os traballos teñen un prazo de 6 meses. As empresas interesadas no contrato teñen ata o 11 de abril para presentar as súas ofertas.
En total, habilitaranse 2,2 km de sendas nas marxes das estradas OU-101 e OU-150, en Montealegre e en Valdorregueiro co fin de favorecer a mobilidade a pé dos veciños en condicións de seguridade, xa que actualmente estas vías carecen dun espazo propio para o tránsito de peóns.
A senda en Montealegre estenderase pola marxe dereita da OU-101, acadando algo máis de 1,2 km de lonxitude, dará continuidade a un treito de beirarrúa que xa hai e acabará no punto onde están a parada e a marquesiña do autobús.
A outra senda, na estrada OU-150, en Valdorregueiro, contará con case 1 km de lonxitude, comezando no cruce coa estrada N-525, descorrendo pola marxe dereita ata finalizar na ponte sobre o rego de Valdorregueiro.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade precisou que, en ambos os dous casos, as sendas serán de uso mixto, peonil e para ciclistas non deportivos, terán ancho variable, garantindo un mínimo de 1,8 metros, e estarán separadas da vía por distintos elementos: vexetación máis bordo, de 1 metro de ancho, bordo de sinalización ou a combinación destes dous elementos. O bordo, ademais, irá sobreelevado uns centímetros sobre a vía para garantir unha mellor seguridade.
A execución das sendas complementaranse con outros traballos, como a construción de 9 muros de sostemento; a mellora da drenaxe e a preinstalación de canalizacións de servizos. Tamén se reforzará a sinalización e dotarase de sistemas de contención para vehículos e varandas de protección para os peóns, ademais de prever a adecuación das paradas de autobús.
Esta actuación é susceptible de financiamento con fondos europeos FEDER REACT-EU.
Ethel Vázquez sinalou que tamén se dá un novo paso administrativo noutras 3 novas sendas: en Ponte Sevilla, A Rabaza e na avenida de Ponferrada, presentadas apenas hai dous meses en Ourense. A este respecto, indicou que este mércores o Diario Oficial de Galicia publica o anuncio de convocatoria, para os meses de marzo e de maio, dos propietarios dos terreos necesarios para facer realidade estas actuacións de mellora da seguridade e fomento da mobilidade sostible, que supoñen un investimento da Xunta de 1,8 M€.
Puxo o acento na continuidade dos avances da Xunta no desenvolvemento do Plan de sendas da comarca de Ourense, cun investimento que supera xa os 7,1 M€ para a construción de 16 km de itinerarios. Este orzamento xa ten en conta o incremento do investimento derivado da suba dos custos da construción, pola crise dos materiais e de subministros.
Neste intre están en execución as sendas dos parques empresariais, en San Cibrao e O Pereiro de Aguiar, retomadas en decembro tras a preinstalación do alumeado; e estase avanzando nos trámites expropiatorios das sendas da Medorra e Paiseo e das Vendas e Santa Baia.
Ademais, destacou o impulso do itinerario peonil e ciclista que se está a impulsar desde a Xunta, ao abeiro dos fondos Next Generation, para fomentar a mobilidade sostible nas urbes galegas, e que conectará a cidade de Ourense de norte a sur a través da avenida das Caldas e O Barbaña. Trátase dun itinerario de 5,2 km ao que se destinarán 4,5 M€.