A MOTI non chegará a súa 19ª edición
Despois de 18 anos traballando por e para o teatro infantil, a MOTI non pode realizarse por falta de apoios.
Despois de 18 anos traballando por e para o teatro infantil, a MOTI non pode realizarse por falta de apoios. O maior era o do Concello de Ourense, a Mostra xa quedou tocada o ano pasado e puido realizarse grazas á Universidade de Vigo (Campus de Ourense) e ao Teatro Principal, pero un cambio na política da Universidade, onde naceu a Mostra, fai que non se poida levar adiante.
Non ter MOTI afécta, pois é parte do soño teatral da cidade e tamén é parte do traballo de moita xente, pero afecta máis polos miles de nenas e nenos que acompañaron a MOTI durante tantos anos (máis de unha xeración) e tantos espectáculos: foron 247 en 18 anos. Montaxes de Galicia, de toda España, de Portugal, Arxentina, Canadá ou Francia, aínda que a MOTI é fundamentalmente galega e estatal. Todo isto con teatros cheos ata onde pedían as compañías ou recomendaban os espazos e as asociacións de teatro infantil.
Desde os espectáculos de aforo moi reducido (teatro para bebés) ata os de maior aforo (circo, concertos) en cada edición esgotábanse as localidades en máis da metade das funcións e pasaron pola mostra case 2.000 participantes, acadándose sobradamente as/os 60.000 espectadoras/es.
Pero unha mostra de teatro non é programar sen criterio, non é procurar tan só números (que se cumpren de sobra con orzamentos axustados), é pensar nos valores que se transmiten cos espectáculos, na idea e no discurso da mostra, nos diversos xéneros que se presentan, na coherencia do que se programa ou no coidado e respecto pola nosa lingua, entre outras moitas cuestións. Dende a MOTI hai tristura e rebeldía por mentiras que se verqueron desde o actual goberno municipal ao que cómpre felicitar polo labor de demolición cultural que segue a levar a cabo. Tamén a quen siga esas consignas.