O Inorde avala a candidatura provincial ao Plan Nacional Xacobeo
Rosendo Fernández e Emma González mantiveron unha reunión de traballo con representantes dos concellos implicados, como parte do proceso participativo para informar e recoller suxestións de cara á redacción da candidatura a este Plan de Sustentabilidade Turística da provincia.
O presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, respectivamente, reuníronse hoxe, no salón de actos do centro cultural “Marcos Valcárcel” cos representantes dos concellos polos que transcorre a Vía da Prata, como parte do proceso participativo para as candidaturas ao Plan Nacional Xacobeo aberto pola Secretaría de Estado de Turismo. Trátase da convocatoria de Plans Extraordinarios da Secretaría de Estado de Turismo do Ministerio de Industria, Turismo e Comercia, na que tamén participa a Comunidade Autónoma, con quen o Inorde xa mantivo reunións de traballo previas.
O obxecto da reunión é que “os representantes dos diferentes concellos nos manifestasen a súa visión sobre actuacións a plantexar en dito plan, para postularnos cunha proposta que sexa conxunta e integradora dos diferentes municipios e que, ao mesmo tempo, sexa sostible”, explicou o presidente do Inorde.
Nesta convocatoria do Plan Nacional Xacobeo, o obxectivo principal que propoñemos é “impulsar a Vía da Prata, itinerario xacobeo que atravesa a provincia desde a súa entrada polo sureste e saída polo noroeste, e que resulta, polo tanto, un importante elemento vertebrador e dinamizador do noso territorio”, explicou o presidente do Inorde.
No documento da solicitude a dito Plan presentaranse actuacións globais para o territorio, que tras un deseño e estudo específico (financiado xa a cargo do propio plan) “permitiranos concretar os puntos nos que actuar ao longo deste itinerario xacobeo”, engadiu Rosendo Fernández, quen salientou que outro dos aspectos que se abordará no plan é “a mobilidade sostible no sentido máis amplo e que ante a chegada da Alta Velocidade permítanos distribuír os fluxos de visitantes polas distintas comarcas turísticas da provincia”.
Os concellos polos que pase a Vía da Prata e que, polo tanto, foron convocadas a esta xuntanza de traballo son os seguintes: A Mezquita, A Gudiña, Vilariño de Conso, Castrelo do Val, Oímbra, Laza, Sarreaus, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Baños de Molgas, Paderne de Allariz, Taboadela, San Cibrao das Viñas, Ourense, Verín, Monterrei, Riós, Vilardevós, Cualedro, Trasmiras, Xinzo de Limia, Sandiás, Allariz, Coles, Vilamarín, Amoeiro, San Cristovo de Cea e Piñor.