Formoso presenta en Ourense dez propostas “para sumar e avanzar” no PSdeG
Formoso afirmou que “non é asumible a situación actual que se vive na cidade de Ourense, cunha xestora que era para 90 días e permanece xa dous anos” e destacou a importancia de que “a militancia poida decidir”.
O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esbozou en encontros mantidos coa militancia de Ourense e Bande as súas dez propostas para sumar e avanzar, dez medidas que centrarán a súa campaña durante os dez días que restan ata a votación das Primarias que terá lugar o próximo 30 de outubro.
Entre estas destaca, como xa anunciara, o compromiso de que os procesos de Primarias se celebren “con tempo suficiente para que calquera compañeiro ou compañeira poida presentar as súas propostas e alternativas, facilitando a participación de calquera militante que queira mellorar o partido e Galicia”.
Neste sentido Formoso afirmou que “non é asumible a situación actual que se vive na cidade de Ourense, cunha xestora que que era para 90 días e permanece xa dous anos”. O candidato destacou a importancia de que “a militancia poida decidir”.
Dez medidas para sumar e avanzar
Valentín González Formoso destacou que “este conxunto de medidas incide na mellora da participación, a reconexión coa sociedade, o emprego e a industria como eixos prioritarios a aposta pola igualdade, a recuperación do talento e a defensa dos intereses de Galicia”. Entre estas destacan a convocatoria dunha conferencia política anual para elaborar propostas estratéxicas para Galicia, que permitirá poñer o talento da militancia socialista á disposición do país e onde o emprego e a industria centrará boa parte da acción política do PSdeG.
Ademais, o candidato aposta pola elaboración dun Plan de Revitalización e Fortalecemento do PSdeG, co obxectivo de impulsar o crecemento do número de militantes nas agrupacións socialistas de Galicia, a posta en marcha dunha Coordinadora Nacional de Organización, o fortalecemento dos equipos de Apoio e Asesoramento Xurídicos e Urbanísticos e a creación de, polo menos, 10 grupos sectoriais de traballo nos que participarán militantes, simpatizantes e profesionais de diferentes sectores para elaborar propostas en distintas áreas (sanidade, educación, políticas sociais, feminismo e igualdade, innovación, infraestruturas, transición ecolóxica...).
Un dos principais obxectivos de Formoso é o de conseguir que volva todo o talento de miles de mozas e mozos que tiveron que emigrar na busca de oportunidades laborais e para iso elaborará un Plan de Retorno do Talento Galego, que incluirá o fomento dun entorno de coñecemento e oportunidades para que Galicia poida aproveitalo.