A Deputación de Ourense reclama rebaixar as peaxes da autoestrada AP-53
Villarino explicou que “este acordo debería suscitar unanimidade” porque “é normal que pidamos algo así todos e todas os que queremos impulsar o desenvolvemento de Ourense”
A Deputación de Ourense acordou reclamar ao Goberno central a rebaixa das peaxes da autoestrada AP-53, que une as provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, grazas a unha iniciativa do PSdeG-PSOE para “non marxinar ao interior de Galicia”, ante a inminente redución de prezos na AP-9. Tamén foi aprobado un acordo para que a Xunta reclame a súa transferencia á comunidade autónoma. Igualmente, o pleno acordou instar a La Moncloa a “renunciar a calquera medida que implique o establecemento de sistemas de pago nas estradas”.
O voceiro, Rafa Villarino, dixo que “este acordo debería suscitar unanimidade” porque “é normal que pidamos algo así todos e todas os que queremos o desenvolvemento de Ourense”. “Estamos ante unha autoestrada que vertebra o interior e a rebaixa suporía practicar o reequilibrio territorial que non se está a cumprir”, dixo antes de explicar que, segundo cálculos dos socialistas, precísanse 3,6 millóns anuais para bonificacións similares ás da AP-9.
“Na actualidade é unha das estradas máis caras do Estado, situándose no podio do custe por quilómetro e, ademais, tamén é unha das poucas que non conta con ningún tipo de desconto”, salientou o líder socialista, quen tamén explicou como o tramo libre de peaxe por Ourense duplica en intensidade media diaria de vehículos ao tramo con peaxe. Na actualidade, unha trintena de vías similares abaratan as peaxes, polo tanto, o que demanda o PSdeG-PSOE ourensán, di Villarino, “é trato igualitario”.
A AP-53 e a AG-53 conforman a única autoestrada que une tres das catro provincias de Galicia, o que a converte nun “eixo clave” para as comunicacións de toda a comunidade. O importe da peaxe imposta polo goberno de José María Aznar durante 75 anos, o período máximo permitido pola lei, xa ascende na actualidade ata os 6,05 euros para vehículos lixeiros e ata os 10,20 e 12,10 euros para pesados.
Rexeitamento de novas peaxes
Villarino tamén aclara que os e as socialistas de Ourense “rexeitan totalmente” calquera pago polo uso de estradas convencionais e autovías en Galicia, unha cuestión que “descarta” aplicar “nun territorio coas peculiaridades xeográficas e de dispersión poboacional”. “O modelo para Galicia ten que ser xusto o contrario, como amosa as rebaixas ou a supresión de peaxes nalgunhas autoestradas que o actual goberno progresista está a por en marcha”, insisten desde o PSdeG.
Letras Galegas de 2022 para Florencio Delgado Gurriarán
O pleno tamén aprobou que a Deputación Provincial de Ourense se sume ao impulso da candidatura do poeta valdeorrés, Florencio Delgado Gurriarán, para a celebración das letras galegas do 2022 na súa honra. O proxecto ‘As Letras de Florencio’ ten a súa orixe no ano 2016 e hai unhas semanas, un grupo de persoas e institucións, presentaron un dossier á Real Academia Galega (RAG) para apoiar a merecida candidatura.
O deputado socialista, Aurentino Alonso, explicou que “a petición non é unha novidade” porque “hai 20 anos que, a iniciativa do Instituto de Estudos Valdeorreses e da veciñanza de Vilamartín de Valdeorras, xa se solicitara a celebración”, pero daquela a proposta non prosperou. Alonso agradeceu a colaboración e o traballo minucioso dos responsables do proxecto ‘As Letras de Florencio’ e tamén o apoio de todos os grupos políticos da corporación. Igualmente matizou que esta iniciativa “xa está na RAG co apoio de tres membros da academia”, polo que “cumpriu todos os cauces formais para que, canto antes, se poida recoñecer a súa figura”.
Florencio Delgado foi un poeta, investigador e intelectual galego que participou activamente na vida cultural de Galicia e México. Foi exiliado a raíz da súa afiliación ao Partido Galeguista e da Guerra Civil, e alí axudou a fundar o Padroado da Cultura Galega ou a revista Vieiros. Así mesmo foi nomeado membro correspondente da Real Academia en México. Tamén traballou activamente polo impulso da cultura e da literatura na comarca ourensá de Valdeorras. Ao longo da súa vida publicou libros como “Bebedeira”, “Galicia Infinda”, “Cantarenas” e “O soño do guieiro”.