Cultura

Comenza unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitadio de Ourense

A MITEU recupera o seu formato e esencia previos á pandemia, aínda que mantén a programación de rúa para achegar o teatro á cidadanía

Óscar Gómez

Ourense | 20.04.2022 08:12

Comenza unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitadio de Ourense | onda cero

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade celebrou que a mostra recupere as súas datas habituais de celebración, nesta ocasión do 1 ao 16 de maio, despois de ter lugar no verán nas dúas últimas convocatorias. “Neste 2022 a MITEU retoma o seu formato e esencia, coa exhibición de pezas de teatro independente nun total de 17 representacións distribuídas en diferentes espazos da cidade das Burgas, como o Teatro Principal, no Liceo e no Campus”, sinalou o secretario xeral.

“Así mesmo –engadiu– mantense parte da programación da rúa, na praza Maior, na Alameda, na praza de san Martiño ou nos Xardíns Padre Feijóo, entre outros espazos, achegando o teatro a toda a cidadanía”.

Anxo M. Lorenzo gabou tamén a oportunidade que esta cita supón para o intercambio cultural e estudantil entre territorios. Non en van, neste certame de exhibición de pezas de teatro, circo, música e danza independente estarán presentes compañías e grupos universitarios e profesionais tanto de Galicia como do resto de España, Portugal, Italia e México. Así mesmo, participarán na mostra os coñecidos actores Pepe Viyuela e Leo Bassi.

A programación, que estará dispoñible no web da mostra nos próximos días, inclúe tamén a celebración dun concerto en homenaxe a Xaime Mateo, finado en decembro de 2021 e participante en edicións anteriores da mostra; así como o desenvolvemento dun curso de principios básicos da Commedia Dell´arte.

Na presentación estiveron presentes tamén o director da MITEU, Fernando Dacosta; a directora do Teatro Principal de Ourense, Olga Mojón; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; a vicerreitora do Campus de Ourense, María Esther de Blas e o fundador de Cervexas Esmorga, Luis Portabales.