O BNG presenta unha batería de propostas para impulsar o Ribeiro
A formación nacionalista emenda os Orzamentos da Xunta do ano 2024 e presenta unha batería de iniciativas para blindar os servizos públicos da comarca, corrixir o abandono da Xunta e favorecer o impulso económico.
A deputada Noa Presas recordou que “O Ribeiro sofre o abandono reiterado da Xunta de Galiza, como amosa a falta de atención ás demandas da comarca, xa que previsiblemente vetarán outro ano máis propostas en positivo como fomentar o camiño miñoto do Ribeiro. O BNG emendou estes orzamentos porque BNG emendou e que nin sequera corrixe débedas pendentes e prometidas polo Partido Popular como poñer solución aos problemas do arsénico en Castrelo de Miño ou impulsar en Ribadavia unha planta potabilizadora no río Miño para o abastecemento e subministro da poboación do concello, xa que a actual non da abasto como se viu en varios episodios de falta de auga” e fixo fincapé en que “estes son problemas reais aos que un goberno digno de tal nome debería poñer solución mais o que vemos é un goberno esgotado, sen ideas e sen ganas, ocupado só en manterse no poder aplicando un reparto sectario dos fondos e que ter gobernos municipais do PP non é útil para a veciñanza”
Ademais destas dúas cuestións clave, a formación nacionalista aposta tamén por recuperar o camiño miñoto do ribeiro, como motor e referente económico, social e cultural da comarca, que precisa adecuar todos os seus puntos de interese ou impulsar un viveiro de adegas tendo en conta o seu potencial estratéxico para o relevo xeracional nunha comarca que ten o orgullo de ter a DO máis antiga de Galiza. Así mesmo, reclamaron tamén para a comarca medidas como “a mellora do paseo fluvial de Leiro ou abordar os problemas de saneamento de Cenlle”
Unha das carencias fundamentais da comarca, para o BNG, é “a falta de compromiso cos servizos públicos para as e os máis maiores, malia os altos índices de avellentamento” ante o que a deputada recordou que “o goberno galego ten no seu historial non ser quen de facer unha soa residencia pública de maiores en toda Galiza en 14 anos” polo que o BNG rexistrou no Parlamento Galego unha batería de iniciativas demandando “un novo modelo de atención ás persoas maiores, promovendo a prolongación ata o máximo nas súas casas favorecendo a atención domiciliaria e impulsando un novo modelo de residencias para aquelas persoas que xa non poidan estar nos seus fogares” e nese sentido “demanda o compromiso do goberno galego de construír cando menos unha residencia pública de maiores na comarca”
Finalmente, a deputada recordou que “os problemas de abandono do Ribeiro amosan a necesidade dun cambio político en Galiza liderado polo BNG, en condicións de desputar a maioría do Partido Popular e dar un xiro de 180 graos no ámbito dos servizos públicos e do impulso do rural”.