O BNG denuncia que educación deixe sen prazas a alumnos do CEIP Irmáns Vilar
Noa Presas empraza á Consellería a reorganizar o mapa escolar na cidade e buscar unha solución.
A deputada do BNG Noa Presas denunciou a “mala planificación” feita en Ourense pola Consellería de Educación, á que reclamou unha “reorganización” do mapa escolar na cidade para corrixir a “chapuza” pola que alumnos que rematan este ano a Primaria quedarán sen praza o vindeiro curso no seu instituto de referencia.
un neno non é un número
O Otero Pedrayo non é só o instituto de referencia para o Irmáns Vilar senón que, ademais, é o que queda máis próximo, o que explica que os nenos e nenas que van quedar sen praza viven nesa contorna, na zona vella e na do Posío, explicou Presas, para a continuación subliñar que a falta de planificación da Consellería vai supoñer que estes alumnos e alumnas “rompan ao vínculo nun tránsito complexo”.
“Se un neno ou unha nena entra con tres anos nese CEIP ten como IES de referencia o Otero e ten todo o seu círculo educativo e afectivo aí”, asegurou. “É un neno, non un número”, advertiu.
A deputada nacionalista criticou, por outra banda, a “falta de escoita activa e de empatía” dos responsables da Consellería, que se negaron a dialogar cos representantes da ANPA logo de que esta entregase máis de 2.500 sinaturas denunciando a situación. “Mais a Xunta o único que fixo foi encomendarse á esperanza de que maxicamente os rapaces e as rapazas que teñen praza no instituto Otero Pedrayo finalmente non formalicen a matrícula”, lamentou.
“Nin dialogan nin están sendo honestos coas familias”, afirmou a deputada do BNG, advertido que, fronte ás “insinuacións” da Consellería, “non estamos a falar de pais que por antollo queiran levar aos seus nenos e nenas a este instituto pola súa fama e nivel educativo, que o ten, senón que piden unha continuidade natural que contaban ter desde o seu centro de Primaria”.
Presas emprazou á equipa de Educación a asumir que “houbo un erro de planificación” que é necesario emendar porque “non estamos a falar de mobles senón de nenos e nenas, que non están a pedir ningún tipo de privilexio”.