Baltar aposta polo termalismo como chave contra o reto demográfico
Na inauguración do encontro organizado polo Foro Termal -órgano que preside-, Manuel Baltar situou á Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal como “o territorio co maior potencial termal de Europa”, afirmando que esta vantaxe competitiva fronte a outros territorios “debe ser o elemento vertebrador para o turismo de fronteira”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu en Vizela (Portugal), o “I Seminario de intercambio de Experiencias no ámbito do Termalismo”, organizado polo Foro Termal do Eixo Atlántico. Na inauguración estivo acompañado polo presidente da Câmara Municipial de Vizela, Victor Hugo Salgado.
Na súa intervención nesta actividade do Foro Termal -órgano que preside-, Manuel Baltar definiu ao termalismo coma “unha ferramenta clave para os territorios na loita contra o reto demográfico, sobre todo, nos municipios rurais, onde debe servir como motor de desenvolvemento social e económico”. Así mesmo, afirmou que a Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal “conforma o territorio co maior potencial termal de Europa”, afirmando que esta vantaxe competitiva fronte a outros territorios “debe ser o elemento vertebrador para o turismo de fronteira”.
O presidente da Deputación de Ourense reivindicou o traballo realizado nos últimos tempos polo goberno provincial que, xunto ao indispensable traballo en rede -“do que hoxe estamos a dar boa conta del”, recalcou-, permitiunos posicionar a nosa provincia como un dos destinos termais de referencia en Europa, grazas tamén a formar parte desta e doutras organizacións internacionais que nos permiten intercambiar experiencias e coñecementos para continuar dando pasos conxuntamente no desenvolvemento termal dos nosos territorios”.
Neste primeiro seminario preténdese abordar, desde unha visión global, o turismo de saúde e termalismo en Europa, así como aspectos relacionados coa calidade e a estandarización mediante a norma ISO aplicada a centros termais e servizos de turismo de saúde. Ademais, de expoñer experiencias de desenvolvemento termal desde o punto de vista do municipalismo.
Esta iniciativa permitirá que “as boas prácticas e as estratexias que hoxe se compartiron evidencian que o turismo termal é, sen dúbida, non só unha fonte de saúde orientada á prevención, senón tamén unha ferramenta na loita contra o despoboamento, e un sector con demanda crecente entre os visitantes que buscan experiencias de calidade no noso destino de fronteira, e que están asociadas a un estilo de vida saudable”, explica Manuel Baltar. Trala inauguración do seminario, Pedro Cantista, presidente da International Society of Medical Hydrology e da Sociedade portuguesa de hidroloxía médica de Portugal, ofreceu un relatorio sobre o turismo de saúde e o termalismo en Europa.
Mesas redondas
Despois da inauguración celebráronse dúas mesas redondas centradas en diferentes temáticas para abordar desde diferentes perspectivas e experiencias a situación actual do termalismo. A primeira delas centrouse na análise da “Norma ISO TC 228/WG2, Health Tourism Services”, na que interviñeron a directora de Formación do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), Noelia Santos; e o secretario xeral da Asociación de Termas de Portugal e coordinador do CT144 – Servizos Termais, Joao Barbosa.
As últimas intervencións teóricas da xornada analizaron a cuestión dos municipios e o termalismo, moderada pola vicepresidenta da Câmara Municipal de Vizela, Agostinha Freitas, na que a xerente do Inorde, Emma González, presentou aos asistentes o Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal, compartindo mesa co representante da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, quen expuxo “Lugotermal: O Envellecemento activo, unha oportunidade para o territorio”.
Foro Termal do Eixo Atlántico
O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular é un organismo sen ánimo de lucro dedicado ó apoio de todas aquelas iniciativas que fomenten a cooperación transfronteiriza. Dentro deste organismo existe o Foro Termal, presidido por Manuel Baltar que, desde a súa constitución, creou a Guía Termal do Eixo Atlántico, un compendio dos recursos termais e turísticos de todos os municipios termais asociados. Son membros do Foro Termal: Amarante, Caldas de Reis, Carballo, Deputación de Lugo, Deputación de Ourense, Guimarães, Lugo, O Carballiño, Ourense, Ponteareas, Santa María da Feira, Terras de Bouro, Vila Pouca de Aguiar e Vizela.