Cultura

A actriz portuguesa Leonor Silveira recibirá a Calpurnia de Honra Internacional

A organización outorgalle o premio pola súa longa e acreditada traxectoria a prol do cinema portugués no mundo, tanto desde as pantallas como desde a xestión pública.

Óscar Gómez

Ourense | 15.09.2021 11:14

A actriz portuguesa Leonor Silveira recibirá a Calpurnia de Honra Internacional | onda cero

O Ourense Film Festival (OUFF) entregará a Calpurnia de Honra Internacional á actriz portuguesa Leonor Silveira. Cunha extensa traxectoria de máis de 30 filmes, a intérprete foi a musa do director Manoel de Oliveira e participou en películas con actores internacionais como John Malkovich, Irene Papas, Marisa Paredes ou Marcello Mastroianni.

A organización do festival concedelle a Calpurnia de Honra Internacional, galardón que no 2019 recaeu no actor francés de orixe galega José García, en recoñecemento “a súa longa e acreditada traxectoria a prol do cinema portugués no mundo, tanto desde as pantallas como desde a xestión pública, e en particular pola súa fecunda relación artística en boa parte da filmografía dun grande da historia do cinema, tan admirado e respectado en Galicia, como foi Manoel de Oliveira, o seu descubridor para a pantalla grande”.

A musa de Manoel Oliveira

Leonor Silveira naceu en Lisboa en 1970. Estudou Relacións Internacionais e converteuse na intérprete de cabeceira para Manoel de Oliveira. Con el debutou en Los Caníbales (1988), película á que seguirían, entre outras moitas, La divina comedia (1991), El valle de Abraham (1993), Viaje al principio del mundo (1996) con Marcello Mastroianni, Fiesta (1996), El convento (1995) na que compartiu pantalla con Catherine Deneuve e John Malkovich, Inquietud (1997), La carta (1998), Palabra y utopía (1999), El principio de incertidumbre (2001), Una película hablada (2002), Espejo mágico (2005), na que participou Marisa Paredes, ou El extraño caso de Angélica (2009). Tamén traballou con outros directores portugueses coma João Botelho, Joaquim Pinto ou Vicente Jorge Silva e en series de televisión como Terapia (2016), Sara (2018), Teorias da Conspiração (2019) ou Linha D’Água (2021).

Ademais, Leonor Silveira formou parte do xurado de festivais de cine internacionais como São Paulo (2000), Marrakech (2005), Deauville (2008), Luanda (2008), Cannes (2009, na sección de curtametraxes e Cinéfondation) e no de San Sebastián (2009) ademais de no Festival de Locarno deste ano. Tamén foi asesora do Ministerio de Cultura de Portugal e vicepresidenta do ICAM (Instituto do Cinema, Audiovisual e Multimédia). Recibiu a insignia de Chevalier des Arts et des Lettres do goberno francés en 2011, ademais da encomenda da Orden do Mérito en 1997, da man do presidente de Portugal Jorge Sampaio, e o Honor ao Mérito Artístico do Goberno de Madeira en 1995.