Onda Deportiva Ourense - Fútbol

A xornada no fútbol ourensán da fin de semana

En Onda Deportiva Ourense repasamos a fin de semana no máis destacado do fútbol de Ourense e a previa da xornada deste mércores festivo

Onda Cero Ourense

Ourense | 07.12.2021 12:12

Onda Deportiva Ourense - Fútbol

2ª Federación

CD Arenteiro

Coruxo 1-0 Arenteiro

Dura derrota dun Arenteiro que segue sen dar coa tecla nesta Segunda RFEF e que caeu derrotado ante un rival directo como o Coruxo, que dominou o partido case dende o comezo, cando aproveitaron unha contra para poñer o 1-0 que ao final sería definitivo. Unha xogada na que Chiqui percorreu medio campo sen case oposición, sorteando rivais e combinando cos compañeiros e anotando o único tanto do encontro. O gol foi unha lousa imposible de erguer para un Arenteiro que quedou maniatado e en mans dun Coruxo que puido ampliar as rentas antes do descanso, pero topou con Diego García. Se noutras ocasións o guión implicaba un Arenteiro moi enchufado na primeira e que perdía fuelle na segunda, desta vez os siareiros agardaban a reacción dos de Fran Justo, que non chegou. Pouca proposta ofensiva, escasas ocasións e falta de pegada, que condenan ao Arenteiro a seguir unha semana máis en postos de descenso.

O Arenteiro ocupa a posición 16º con 13 puntos. A vindeira semana recibe ó lider, o Adarve.

3ª Federación

Ourense CF

Ourense CF 1-1 Silva

Volvía a competición o Ourense CF tras dúas xornadas de parón e facíao ante un rival complicado e que viña nunha dinámica positiva. Os capitalinos saíron moi enhufados dende o comezo e dispuxeron das mellores ocasións na primeira metade, pero o balón non quixo entrar ata en dúas claras ocasións nas botas de Iker Hurtado. O Silva moi ben plantado aguantaba as embestidas locais e incluso gozou dalgunha tímida ocasión na primeira metade, pero sería o comezo da segunda cando se porían por diante, gracias a un tanto de Joao Paulo. Os de Rubén Domínguez seguiron desperdiciando ocasións ata que un penalti sobre Tiago, transformouno Iker Hurtado para establecer o definitivo 1-1.

O Ourense CF ocupa a oitava posición (con 2 partidos aprazados pola COVID) con 19 puntos. O mércores viaxa á Estrada para enfrentarse ó Estradense.

CD Barco

CD Barco 2-2 Alondras

Choque en Calabagueiros entre dous dos favoritos a ocupar postos de playoff a final de tempada. Os de Cangas adiantáronse na primeira metade por mediación de Landeira, nunha das poucas ocasións existentes. Tralo paso por vestiarios, o Barco deu un paso adiante e Javi Pazos anotaba o empate no minuto 62, de ahí en adiante, os de Valdeorras puideron ampliar distancias, pero no foi ata o minuto 83 cando Manu anotaba o que parecía o 2-1 definitivo. Nada máis lonxe da realidade, un penalti de Oli dáballe a oportunidade aos de Cangas de igualar a contenda e Nando anotou dende os 11 metros.

Os valdeorreses son terceiros con 24 puntos. O mércores visitan ó lider da categoría, a UD Somozas.

Atlético Arnoia

O Atlético Arnoia non puido xogar o seu segundo partido consecutivo pola COVID-19, neste caso frente ó Fabril Deportivo. Este mércores si que volve a competición e farao recibindo na Queixeira ó Sofán.

O Arnoia ocupa a última posición con 6 puntos.

Preferente Galicia

CD Velle

CD Velle 1-2 CD Pontellas

Nova derrota dun Velle cada vez máis afundido na táboa clasificatoria e ao que o cambio de adestrador parece que prexudicou máis do que os beneficiou. Os de Monte da Aira caeron na casa ante un efectivo Pontellas, que incluso puido levar unha renta máis alta. Os porriñeses adiantáronse na primeira metade, pero Caneiro igualaba acto seguido. Viana foi o home do partido ao deter un penalti e manter vivos aos seus, ata que na segunda metade o Pontellas golpeaba de novo e levaba o triunfo.

CD Velle e undécimo con 9 puntos. O mércores, o Velle visita Salceda para enfrentarse ó Caselas.

SD Nogueira

Mondariz 0-1 SD Nogueira

Importantísimo triunfo do Nogueira ante un rival directo por saír da parte baixa e que permite os de Bruno Gómez sumar tres valiosos puntos cos que achegarse os postos da zona media da táboa. Brais Pérez volveu ser clave no conxunto afiador, xa que o seu gol foi decisivo para darlle o triunfo a un equipo que segue crecendo e que aspira a manterse na categoría unha tempada máis.

[[LINK:EXTERNO|||https://www.instagram.com/p/CXJKHEnNSPw/?utm_source=ig_embed&utm_campaign=loading|||

Ver esta publicación en Instagram

]]

Una publicación compartida de SD NOGUEIRA (@nogueirasd)

O Nogueira é décimo con 14 puntos. O mércores recibe ó Cultural Areas.

UD Ourense, UD Barbadás e Verín CF viron aprazados os seus partidos por motivo da COVID-19. O Polígono descansaba nesta xornada.

Na xornada do mércores o Polígono e o Barbadás midense no derby da xornada, o Verín recibe ó Mondariz e a Unión Deportiva Ourense ten xornada de descanso.

Fútbol Feminino

EFF Rosalía

Lóstrego 2-2 EFF Rosalía

Choque entre dous dos favoritos ao ascenso de categoría e que rematou en empate, gracias en parte a varias decisións do colexiado que anulou un gol legal o Rosalía e pitou un penalti en contra inexistente. Adiantáronse as locais no marcador, pero as pupilas de Miguel Saa non se amilanaron e fóronse arriba en busca do empate. Este chegaría na segunda metade por mediación de Lidia, que 5 minutos despois puña as pontinas por diante. Con 1-2 chegou o polémico terceiro tanto ourensán que o colexiado anulou e no 77 inventouse un penalti que lle deu o empate o Lóstrego.

O Rosalía ocupa a segunda posición con 16 puntos.