39ª edición do Día da Bici en Ourense este domingo
As bicicletas tomarán 15 rúas da capital
Ourense |
O próximo día 21 de setembro celebrarase na cidade de Ourense o “Día da Bici”, que este ano alcanza a súa 39 edición e na que milleiros de ciclistas de todas as idades percorrerán 15 rúas da cidade nunha convocatoria lúdica e deportiva de gran tradición e participación popular.
A edición de 2025 foi presentada no Centro Cultural Marcos Valcárcel, coa presenza do asesor de Política Deportiva da Deputación, Diego Enrique Álvarez; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Aníbal Pereira, o xefe de servizos de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Pérez, o promotor do evento, Carlos Moure, e representantes de entidades patrocinadoras.
O asesor deportivo da Deputación puxo en valor o compromiso da institución provincial con esta celebración, que se encadra na Semana Europea da Mobilidade. “O Día da Bici naceu como unha xornada para fomentar o uso da bicicleta, pero neste tempo evolucionou como unha festa familiar e nos últimos anos vén de incidir na concienciación cara o respecto aos usuarios da bicicleta”, dixo Álvarez, que invitou a participación da cidadanía nesta xornada.