Marga Caldas: "Queremos acoller unha proba do campionato de España de rallies"
Este inicio de mes de septembro foi presentada unha nova edición da 'Subida a Escusa' no concello de Poio, que a medio prazo pretende ser o esceario da competición a nivel nacional.
A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), participou no acto de presentación da Subida á Escusa, que chega á súa vixésima segunda edición e que, por segundo ano consecutivo, atópase na categoría nacional, ao ser unha das tres probas puntuables para a Copa de España Norte de Montaña.
A proba desenvolverase durante a segunda fin de semana de setembro (sábado 10 e domingo 11), na estrada entre A Escusa e O Sartal, na estrada EP-9212, nun trazado, que, tal e como explicaron os e as organizadoras, contará con algunhas modificacións con respecto a citas anteriores, especialmente na zona da saída, para garantir unha maior seguridade e tamén para ir cumprindo con requisitos para que, a medio prazo, esta competición poida formar parte do Campionato de España. Con respecto á participación, prevese unha cifra similar de pilotos á do ano pasado (máis de 60), se ben o prazo de inscrición non se pechará ata a vindeira semana.
Xa está confirmada a presencia de Alexis Vieitez, que na edición de 2021 impúxose por diante de Daniel Rodíguez e de Alfonso Ventín. Ademais, como non podería ser doutro xeito, tamén se agarda a presenza dun gran número de amantes do mundo do motor, polo que se habilitará un dispositivo especial para garantir a seguridade da afección e dos participantes, no que tomarán parte a Policía Local de Poio e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
Non se poderá circular por esta zona desde as 14.30 horas do sábado 10. Para as 15.30 está previsto o inicio dos adestramentos oficiais previos á carreira. A competición pecharase o domingo pola mañá. O tráfico volverá a pecharse ás 8.30 horas e os adestramentos están fixados para as 9.30 horas. Unha vez finalizada a subida, ás 15.00 horas terá lugar o acto de entrega de premios e trofeos. Marga Caldas lembra que o Concello está a acometer traballos de mellora na estrada na que se desenvolve a proba, cun investimento superior aos 30.000 euros, para reforzar a seguridade. Por último, a edil nacionalista louvou “o esforzo e o traballo que desde Buxa Motor se leva realizando desde hai xa máis de dúas décadas para conseguir que a Subida á Escusa sexa hoxe unha das probas máis importantes e atractivas de Galicia”.
Ademais, Caldas Moreira tamén incidiu en que o Concello continuará colaborando activamente e traballando para que esta cita pase a ser parte do Campionato de España. Os e as responsables da proba fixeron extensivos os seus agradecementos ás institucións e empresas colaboradoras.