O Entroido de Silleda, en marcha
Mónica González, concelleira de Cultura de Silleda, convida a vivir con intensidade dunha celebración única, declarada de interés turístico de Galicia. Cunha programación diversa na que no faltan actividades musicais, gastronómicas ou sesións infantís.
A celebración do Entroido voltou ao municipio de Silleda con novas propostas e o xa tradicional entroido da Ulla con tropas que se seguen mantendo nas localidades da Bandeira e Lamela. Unha celebración que comenzou este pasado sábado, en Lamela. A Asociación Anxela organizou o Alto dos Xenerais no campo da festa. De forma previa, tivo lugar o desfile dende Barravaite con premios aos mellores disfraces. A velada estivo amenizada por DJ Houses.
E o fin de semana grande do Entroido, A Bandeira e Silleda concentrarán as actividades da programación: o venres 9 volta a Vellada e Filloada ás rúas da Bandeira, con percorrido polos bares acompañado das actuacións de Punteirolo e a Charanga Mocidade da Bandeira. O día grande será o sábado 10, onde xa pola mañá desfilarán polas rúas os xigantes e cabezudos (de 11:00 a 12:00 h), dende o Centro Cultural Vista Alegre ata as inmediacións da praza da vila.
Ás 15:30 horas comezarán as inscricións para as comparsas e carrozas, que partirán no desfile encabezados polos Xenerais da Bandeira, dende a praza Vales Mahía ás 16:00 horas.
Ao remate do desfile, as celebracións trasladaranse a unha parcela na rúa Lourás (detrás da Plazoleta), nas inmediacións da praza do Entroido, que se atopa en obras. Alí, o Alto Infantil cos xenerais do CEIP Ramón de Valenzuela abrirá ás 17:30 h a agardada batalla dialéctica das tropas do entroido, co Alto dos Xenerais.
A partir das 20:00 horas terá lugar o baile de disfraces na mesma localización, amenizado polo grupo Leite con Jalletas, ao que seguirán a charanga BB+, DJ Juli e DJ Calwin.
As actividades están organizadas dende a Asociación dos Xenerais do Entroido da Bandeira. Durante a velada entregaranse tamén os premios aos mellores grupos, comparsas e disfraces.
Concurso nos CarnaBares. Tamén dende o venres 9 e ata o martes de Entroido os locais de hostalería servirán tapas típicas de entroido tanto en Silleda como na Bandeira, coa iniciativa de ECOS CarnaBares, que acada xa a súa terceira edición. Ademais, con CarnaBares actívase un concurso de disfraces que repartirá máis de 1.100 euros en premios consistentes en vales para mercar no comercio e a hostalería local, aportados polo Concello de Silleda, e que se estenderá durante todos os días de Entroido.
Para participar neste concurso, o público debe facer unha fotografía nos establecementos que participan en “Carnabares” e subila á rede social Instagram co hashtag #carnabares24. Os premios concederanse ás propostas que reciban máis votos do público. O venres 9 animarán as rúas de Silleda a charanga Charandonga e o grupo Argalleiros, a partir das 21:00 horas.
Domingo de Baldréus con xantar en Silleda e bailes infantís. O día 11, domingo de Entroido, a vila de Silleda será a protagonista co domingo de Baldréus, unha iniciativa que se estreou con gran éxito en 2023 da man do colectivo SIC Iniciativas Culturais.
A xornada comezará ás 13:00 horas co Vermú de Mandís, amenizada por Fanfarria Furruxa. Ás 15:00 horas, chega “Diantre de grella”, un xantar popular na carpa que se instalará na praza Juan Salgueiro. Pola tarde, na sobremesa haberá a Poxa da salazón, con poxa de pezas do porco, e a partir das 17:30 horas chegará o pasarrúas dos Baldréus, unha figura que nace con vontade de crear unha representación propia na vila de Silleda e o Demo de Carboeiro e que este ano estreará novas figuras. Non faltará de novo na carpa a “Merencea Endemoñada” e o remate musical no que estarán Señora DJ e DJ Calwin.
O luns de Entroido volta a tradicional festa infantil da Asociación Cultural Vista Alegre da Bandeira, a partir das 17:00 horas, no que este ano a maxia será protagonista da man do Mago Deimi.
A programación do Entroido no municipio de Silleda seguirá o martes de Entroido, día 13, cunha festa infantil organizada polo Concello que se celebrará tamén na carpa da praza Juan Salgueiro, con xogos tradicionais e disco móbil infantil.
O mércores de Cinza, ás 17:00 horas tamén se celebrará un Obradoiro de Entroido para a rapazada, co estampado das figuras dos Xenerais da Ulla e dos Baldréus.
(Escoita en este podcast a entrevista íntegra a Mónica González, concelleira de Cultura de Silleda)