O TSXG confirma a suspensión cautelar da remoción do Interventor do Concello de Ourense
Rexeitado o recurso de apelanción do Concello de Ourense
Ourense |
A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso de apelación presentado polo Concello de Ourense contra o auto do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 da cidade no que adoptou a medida cautelar de devolver ao seu posto de traballo ao interventor municipal. O alto tribunal galego, do mesmo xeito que a maxistrada de primeira instancia, aprecia a concorrencia do presuposto do perigo na demora, pois entende que a pronta execución do decreto da Administración local de data 18 de abril de 2024, polo que se acordaba remover ao interventor do seu posto, “podería propiciar que unha eventual sentenza firme acolledora da demanda resultase de imposible ou moi difícil materialización”.
Na sentenza, o TSXG advirte que, ao quedar o posto de interventor vacante, ha de convocarse a súa cobertura, “o que podería determinar a adxudicación do posto a un aspirante de boa fe, impedindo reintegrarse ao apelante” no caso de que a súa demanda fose acollida. Ademais, a Sala explica que, como consecuencia da remoción, foi nomeado provisionalmente para outro posto, o que determina que o demandante “estaría obrigado a participar no próximo concurso unitario de funcionarios de administración local con habilitación de carácter nacional, o que, obviamente, conlevaría o seu traslado de residencia, con indubidable incidencia na súa vida familiar e contorna social”.
O TSXG tamén sinala que a permanencia do demandante no seu posto “garante a continuidade da prestación de tan esencial labor de control e fiscalización interna da xestión económica, financeira e orzamentaria do Consistorio, tendo en conta o carácter imprescindible desta figura no órgano de goberno e administración municipal”. Por iso, advirte que “unha vacante nese posto, sequera conxuntural, comportaría graves disfuncións no normal discorrer da gobernanza local”.
Os maxistrados indican que, “aínda que a xurisprudencia é sumamente cauta á hora de calibrar o fumus boni iuris -aparencia de bo dereito- como factor decisivo para a adopción dunha medida cautelar”, destacan que “si considera factible a súa invocación nos casos de existencia dunha sentenza que anula o mesmo acto en litixio, aínda que non sexa firme”. Así, explican que o Xulgado do Social número 1 de Ourense, nunha sentenza do 6 de xuño de 2024, “declarou, tras unha pormenorizada e exhaustiva análise, a nulidade de pleno dereito de todas as actuacións que se reputaron como constitutivas de condutas de acoso no traballo ao demandante por parte do alcalde (autor do decreto cuestionado), entre elas o expediente de cesamento do actor e a resolución pola cal se lle cesa no seu posto de interventor”.
“Tráense a colación tales fundamentos xurídicos para subliñar que existe unha aparencia de bo dereito da viabilidade das pretensións deducidas polo demandante no procedemento principal de protección de Dereitos Fundamentais, sen que iso comporte prexulgar o fondo do asunto”, resalta o TSXG na sentenza, contra a que cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.