“Xurés Bike Tour” reunirá a máis de 200 deportistas e afeccionados ao ciclismo
A carreira estará dividida en tres etapas cun percorrido de máis 120 quilómetros polos concellos de Muíños, Lobios e o portugués de Montealegre, tendo como padriño da proba ao exciclista profesional Óscar Pereiro.
Un evento deportivo que ten como padriño ao exciclista profesional Óscar Pereiro, que recibirá unha homenaxe ao coincidir esta proba co 15º aniversario da súa vitoria no Tour de Francia. “Todo un plus calidade contar con Pereiro para unha carreira que nos permite seguir falando de recuperación e de volta ao espectáculo deportivo en contacto coa natureza”, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar, que ademais do deportista estivo acompañado na presentación polo alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez; e por videoconferencia polo presidente da Cámara Municipal de Montealegre, Orlando Alves
Manuel Baltar fixo entrega a Óscar Pereiro do dorsal número 1 dunha proba “que é todo un fito non só no calendario de eventos deportivos e de natureza que se celebran na provincia, en Galicia e no norte de Portugal, senón que tamén aspira a ser un dos referentes a nivel nacional, porque confiamos en que esta sexa a primeira de moitas edicións e aí estará sempre a Deputación”. Para o presidente provincial, Ourense vai ofrecer aos participantes e aos seus
acompañantes a oportunidade de gozar dun tempo de desconexión, de lecer e de familia nun área natural e termal que lles permitirá descubrir a provincia que máis quilómetros de fronteira ten con Portugal e que en breve estará a pouco máis de dúas horas da capital do país grazas ao AVE, xusto agora que é o que a xente busca cando nos damos conta de que a saúde é o ben máis prezado”.
Óscar Pereiro, que tamén agradeceu a nova homenaxe que vai recibir pola súa traxectoria deportiva, incidiu na importancia desta proba “porque despois dun ano e medio terrorífico comezamos a ver a luz, a facer eventos, a buscar a normalidade e facelo co deporte, ofrecendo unha ventá aberta para despexar a mente e superar este tempo”, ademais de destacar que na carreira tamén se inclúa, como novidade, a modalidade de bicicleta eléctrica, “fabuloso invento para que todo tipo de persoas, sexa cal sexa a súa condición física, podan participar en probas como esta”.
Ademais de agradecer o apoio da Deputación e confiar en que esta proba teña continuidade no tempo, o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, destacou a importancia deste evento subliñando que desde hai días xa están completos os aloxamentos existentes nos concellos de Muíños e Lobios, pero tamén nos municipios limítrofes, o que representa “a mellor forma de axudar á nosa hostalería e restauración logo do ano tan difícil que pasou este sector”. A alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, apuntou que con esta proba -ademais da Strade Termal celebrada esta pasada fin de semana- “seguimos a completar o noso proxecto para converternos nun destino turístico-deportivo enfocado cara o ciclismo, e no que estamos a ver un continuo aumento de participantes e un elevado grao de satisfacción”. O presidente da Cámara Municipal de Montealegre, Orlando Alves, felicitou pola súa banda á organización dunha carreira “que contribúe a promocionar a través do deporte esta zona transfronteiriza”.
Tres etapas polo Xurés
A “Xurés Bike Tour” enmárcase nas actividades previstas dentro do proxecto transfronteirizo Fronteira Esquecida Río Limia-Lima, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do Programa Interreg España-Portugal (2014-2020. A proba, que se desenvolverá polo espazo da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, poderá disputarse tanto nas modalidades individual como por parella e, como novidade, con bicicleta eléctrica para facilitar unha maior participación. A carreira comezará na tarde do venres día 18 cunha etapa prólogo de 12 quilómetros que principiará e concluirá en Muíños. O sábado, día 19, celebrarase a etapa máis longa, 69 quilómetros con inicio e final no complexo turístico do Corgo, en Muíños, pasando por Pitões das Júnias no municipio portugués de Montealegre. A proba concluirá o domingo, día 20, cunha etapa de 42 kilómetros que sairá e rematará na área termal de Río Caldo, en Lobios.