A Xunta solita 15M€ dos fondos Next Generation para impulsar o plan Monterrei
O Plan Monterrei é un piloto pensado para ampliar posteriormente a toda Galicia, como Proxecto tractor de recuperación integral e sustentable do rural galego
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e pola directora xeral de Impulsa Galicia, Enyd López, mantivo unha reunión de traballo con representantes de concellos galegos e portugueses da raia para impulsar o Plan Monterrei. O obxectivo do encontro, tal e como explicou o conselleiro, foi o de sumar canto máis se poida a esta iniciativa. Por iso se presentou a autoridades da área fronteiriza portuguesa, co fin de que elas tamén poidan elaborar o seu propio plan piloto e optar así a fondos Next Generation.
Todo isto, afirmou González, nun enfoque transversal e integral, que implica os concellos ourensáns da bisbarra, a Deputación e a Xunta. Ademais, sinalou que o Goberno galego presentou xa este proxecto ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico e que fará o propio, en breve, coas comunidades de Asturias e Cantabria, buscando sinerxías para implementalo. Trátase -destacou González- dunha nova forma de traballar no rural, procurando xuntar esforzos de territorios que teñen características e necesidades comúns.
mobilizar arredor de 4.000 hectáreas para viñedo, plantación de castiñeiro, horta e gandaría en extensivo
O que se persigue, indicou, é dar “cohesión” ao territorio, aproveitando os instrumentos que facilita a Lei de recuperación da terra. Así, trasladou o conselleiro, o obxectivo é “mobilizar arredor de 4.000 hectáreas para viñedo, plantación de castiñeiro, horta e gandaría en extensivo” e implementar, ao tempo, “seis aldeas modelo, promovendo despois a creación de industrias de transformación e desenvolvemento turístico”.
Nesta liña, o conselleiro salientou que xa se conta cun investimento de 17 millóns de euros (IVE engadido) enfocados á posta en valor do castelo de Monterrei desde a perspectiva turística e que, no marco dos fondos Next Generation, proponse ampliar esta dotación con outros 15 millóns adicionais. Neste sentido, José González recordou que o Plan Monterrei está impulsado pola Xunta e polos concellos ourensáns de Castrelo do Val, Laza, Cualedro, Monterrei, Oímbra, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita e Riós, coa participación, tamén, da Deputación provincial.
O titular de Medio Rural sinalou tamén que o Plan Monterrei é un piloto pensado para ampliar posteriormente a toda Galicia, como Proxecto tractor de recuperación integral e sustentable do rural galego. A iniciativa ten como principal obxectivo fomentar o desenvolvemento económico, a dixitalización, a sustentabilidade e a loita contra o despoboamento, remarcou. Trátase, engadiu, de poñer en valor o territorio para aproveitar ao máximo as súas extraordinarias condicións edafolóxicas, climáticas e agronómicas.
Así, nesta comarca ourensá o Plan Monterrei vaise desenvolver inicialmente a través de catro aldeas modelo, como son as de Carzoá (no concello de Cualedro), Infesta (Monterrei), Pedrosa (Riós) e O Seixo (A Gudiña), coas que se prevé recuperar case 173 hectáreas. A idea é ampliar esta cifra, para chegar a media ducia de aldeas. Ademais, trabállase na recuperación sustentable de arredor de 800 hectáreas, que se irán incrementando no futuro, mediante a figura dos polígonos agroforestais. Deste xeito, xa están iniciados ou a piques de comezar os polígonos de Oímbra-Oímbra, Riós-Pousada, Monterrei-Vences e Cualedro-Cualedro (neste último municipio tamén está previsto levar a cabo, a maiores, un polígono cortalume).
O obxectivo final é ampliar esta iniciativa a toda Galicia, para recuperar terra agraria a través dun total de 100 polígonos agroforestais e agrupacións de xestión conxunta, que suporán a posta en produción de cando menos 18.000 hectáreas, para usos tanto agrícolas como gandeiros e forestais e dando prioridade a zonas abandonadas ou infrautilizadas. Por outra banda, o proxecto tractor contempla a revitalización de 200 aldeas modelo, entre outras accións. Ambos piares do proxecto susténtanse á súa vez -segundo indicou o conselleiro- na dixitalización do medio rural e na Lei de recuperación da terra agraria e teñen ao seu favor, para acadar o éxito previsto, diferentes factores. Entre estes últimos, José González salientou o propio apoio da Xunta, a gran resiliencia dos investimentos realizados e o seu alto aliñamento coas políticas da Unión Europea e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.