A Xunta reforza os equipos de emerxencias municipais con vehículos todoterreno
Forman parte da liña de axudas dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, dotada con 1M€.
Diego Calvo, participou na entrega de vehículos todoterreo ao concello coruñés de Trazo, os lugueses do Valadouro, Pol e Taboada, os ourensáns de Cartelle, Larouco e Maside, e o pontevedrés de Rodeiro. O conxunto das dotacións representa un investimento de 213.800 euros, 26.725 euros cada unidade.
Segundo sinalou Diego Calvo, o equipamento forma parte da liña de axudas de 2022 dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), dotada con 1M€ euros. Os vehículos foron recibidos polos respectivos alcaldes e alcaldesas e por membros das AVPC. No acto de entrega participaron tamén o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial de Ourense, Gabriel Alén.
Os todoterreos cedidos contan con caixa de primeiros auxilios equipada con soporte para vehículo, extintor de po, dúas lanternas led con cargador de vehículo, cono con autonomía mínima de catro horas, pinzas de acendido de emerxencia e ponte de luces con altofalante. Dispoñen ademais de preinstalación para equipos de telecomunicacións e de gancho para remolque. Con estes oito, a Xunta entregou nos últimos anos preto de 300 vehículos a concellos con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil.
O vicepresidente segundo destacou que esta é a primeira entrega do material cedido no marco da convocatoria do pasado ano, que beneficiou un total de 122 concellos -36 na Coruña, 24 na de Lugo, 52 na de Ourense e 19 na de Pontevedra- mais a Mancomunidade Terra de Celanova. Entre o material cedido figuran, ademais dos vehículos todoterreo, oito remolques, 30 tendas de campaña para a atención ás emerxencias, oito coitelas para a retirada de neve, 20 esparexedores de sal, 11 embarcacións pneumáticas duns catro metros de eslora e 105 desfibriladores externos.
Calvo incidiu no compromiso da Xunta cos servizos de emerxencias dos concellos, pese a tratarse dunha competencia municipal no caso das localidades de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación.
Ademais apuntou que este apoio se mantén nos orzamentos de 2023, nos que se destina novamente 1 millón de euros á dotación do equipamento necesario. Esta contía súmase ao investimento histórico de 24 millóns de euros nos últimos anos, dos que 15 millóns foron para equipar as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e a contía restante os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).