A Xunta recoñece o entroido galego como ben de interese cultural
Román Rodríguez sinala que esta declaración “é unha reivindicación do Entroido en Galicia como celebración clave para comprender a nosa identidade como pobo”.
O Entroido galego será recoñecido coa máxima figura patrimonial existente na nosa Comunidade: a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, informou hoxe de que o Diario Oficial de Galicia publicará a vindeira semana a incoación do expediente para outorgar esta distinción, na categoría de patrimonio inmaterial, a unha das tradicións máis singulares e arraigadas de Galicia.
Así o avanzou nunha reunión no Museo do Entroido, en Xinzo de Limia, con representantes de varios entroidos coincidindo co inicio das celebracións deste ano 2024. Alí destacou o valor destas celebracións que definen “a particularidade etnolóxica, social e cultural do noso territorio e que son merecedoras da maior protección posible”.
Tal e como explicou, o inicio dos trámites publicarase no DOG o vindeiro 25 de xaneiro e o expediente, que deberá resolverse nun máximo de 24 meses, “terá en conta o interese etnolóxico, a función social e a riqueza cultural e patrimonial desta celebración nas súas diferentes representacións e expresións -explicou o titular de Cultura do Goberno galego-. Sen esquecer a súa capacidade para xerar riqueza no ámbito local, fortalecer a convivencia e, por suposto, o entretemento e o xúbilo”, puntualizou.
Ampla distinción á celebración
A declaración realízase en senso amplo para toda a celebración, non circunscrita só a unha serie de festexos. Conta con precedentes: os entroidos de Santiago de Arriba (Chantada), Salcedo (A Proba do Brollón) e Esgos, que xa foron declarados BIC no marco da declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra aprobada en 2018.
Ademais, varios entroidos contan co recoñecemento, noutro ámbito, como festas de interese turístico. Trátase do de Xinzo de Limia, que é festa de interese turístico internacional; o de Verín, que se constitúe como festa de interese turístico nacional; e outros nove entroidos que están recoñecidos como festas de interese turístico de Galicia: Cobres, Laza, Viana do Bolo, o Folión tradicional do Entroido de Manzaneda, os Xenerais da Ulla, Maceda, Vilariño de Conso, Foz e o Enterro da Sardiña de Marín.
Con esta incoación, a Consellería de Cultura quere “ir un paso máis aló e realizar unha reivindicación xeral do Entroido en Galicia”, declarou Román Rodríguez. “Coa declaración BIC queremos asentar unha metodoloxía específica de preservación, coidado, estudo e divulgación desta celebración galega, e sinalalo como un elemento central no patrimonio inmaterial de todos os galegos e galegas, e polo tanto esencial para definir e comprender a identidade de Galicia”, engadiu o conselleiro.
Tripla función: social, cultural e ociosa
A declaración BIC do Entroido tómase tras valorar polo miúdo esta celebración, que posúe unha función tripla: social, cultural e ociosa. Enténdese en todas as súas variantes como un tesouro patrimonial propio e “cunha mensaxe claramente universal, pois os entroidos galegos non se circunscriben exclusivamente ao territorio de Galicia, o seu interese transcende as nosas fronteiras e atrae a milleiros de visitantes”, remarcou.
Así, a experiencia do entroido, unha das tradicións festivas máis emblemáticas de Galicia, compón unha das mostras máis globalmente recoñecidas da cultura galega e, polo tanto, constitúe por dereito propio un elemento a preservar do patrimonio inmaterial de todos os galegos.
Memoria popular dos galegos
Durante a cita cos representantes dalgúns destes entroidos galegos, o titular de Cultura da Xunta recordou que é importante “protexer todo aquelo que consigue que os galegos sexamos únicos, e isto inclúe os nosos entroidos, pois en Galicia, gran parte da memoria colectiva popular escribiuse cos festexos dos entroidos”, concluíu.