Unha semana despois de conmemorar o Día internacional das mulleres rurais, a conselleira -que estivo acompañada da secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, puxo en valor o cuarto de século que Femuro leva acompañando e impulsando ás mulleres rurais da provincia de Ourense. Un traballo que tamén se materializa con convenios de colaboración como os asinados coa Xunta, con 120.000 euros en total de aportación por parte do Goberno galego.
En concreto, están a traballar para impulsar a acreditación profesional da experiencia laboral de mulleres rurais no coidado de menores de ata 16 anos, co obxectivo de promover o acceso ás bolsas de coidado profesional das mulleres maiores de 45 anos e para impulsar a formación sobre conciliación e corresponsabilidade. Tamén no desenvolvemento de accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e de apoio ás vítimas, neste caso colaborando por sexto ano consecutivo.
O apoio á muller e ás políticas de igualdade tamén son un dos principais eixes dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2024, onde se contemplan máis de 2,2 millóns de euros para un novo plan que persegue fomentar a presenza feminina en profesións masculinizadas. Outros máis de 2,3 millóns dirixiranse a medidas de conciliación, ao fomento da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e a actuacións contra a fenda salarial. Así mesmo, ampliarase a rede de Centros de Información á Muller (CIM) e haberá un 14,46% máis de orzamento para a loita contra a violencia de xénero.
A maiores, cómpre poñer de relevo o VIII Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2022-2027 ou a nova Lei de Igualdade (en tramitación parlamentaria), que sitúan no centro as necesidades da muller e a súa contribución ao crecemento de Galicia.