Economía

A Xunta impulsa con 15 M€ o sector da industria forestal

Os obxectivos son seguir incentivando a construción en madeira, afondar na ecoinnovación, fomentar a formación e consolidar proxectos de segunda transformación.

Conde asegura que a sostibilidade e a dixitalización son, nestes intres, dous dos grandes obxectivos do sector do contract que pode atopar na madeira solucións a estes reto.

Pon en valor o traballo de internacionalización das empresas galegas do contract cuxas vendas ao exterior supoñen o 95% da súa facturación con 10.000 proxectos en 800 cidades.

Óscar Gómez

Ourense | 25.10.2021 12:07

A Xunta impulsa con 15 M€ o sector da industria forestal | onda cero

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou en Muxía, durante a inauguración da XI Semana Internacional do Contract, que a Xunta destina, nos orzamentos de 2022, un total de 15M€ ao impulso de toda a cadea de valor da industria forestal.

O obxectivo é seguir incentivando a construción en madeira mellorando a trazabilidade dos produtos a partir da ecoinnovación, fomentar a formación, a dixitalización e as tecnoloxías de procesos ecoeficientes nesta industria, así como consolidar proxectos de segunda transformación.

Nun momento no que a sostibilidade e a dixitalizacion son dous dos grandes obxectivos do sector do contract, Conde asegurou que na cadea de valor da madeira se poden atopar importantes solucións a estes retos. De feito, ofrece propostas renovables, reutilizables e reciclables enmarcadas na bioeconomía e a economía circular, así como novos materiais derivados da madeira, como os que se pretenden obter coa planta de fibras textís e que está proxectada de cara aos fondos europeos Next Generation.

Conde puxo en valor o traballo das empresas galegas do sector do contract que, explicou, souberon entrar nesta canle, adquirir experiencia e habilidade para ofrecer os seus servizos en todo o mundo. Así, teñen en EEUU o primeiro mercado do mundo, en Latinoamérica, unha das rexións de maior desenvolvemento e na China unha oportunidade a medio e longo prazo. Galicia ofrece diversidade de empresas, capacidade industrial e innovadora, e está moi enfocada á internacionalización, xa que o mercado exterior supón o 95% do total da facturación do contract galego. De feito, xa levan realizado 10.000 proxectos construtivos en 800 cidades do mundo a través de cadeas hoteleiras, do sector retail ou de grandes corporacións empresariais e bancarias.

O vicepresidente económico confiou en que este encontro serva para achegar as tendencias e oportunidades de negocio no ámbito internacional que pasan pola sostibilidade e a dixitalización a

través dos novos materiais, o ecodeseño ou a construción de espazos e inmobles enerxeticamente eficientes.