Xunta de gandeiros reunense para avaliar os efectos da seca
A Xunta e os representantes deste eido produtivo en Galicia insisten en demandar ao Ministerio de Agricultura que corrixa a discriminación que sofren os agricultores e gandeiros da nosa comunidade na repartición das axudas directas da seca.
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu a reunión do grupo de traballo que analizará os efectos da seca e a súa repercusión nos custos de produción do sector primario. A posta en marcha deste grupo foi un compromiso adquirido co sector polo propio conselleiro do Medio Rural, José González.
Grupo de traballo para paliar os efectos da seca
Xunta e sector coinciden en sinalar que o Goberno central non tivo en conta nin ás comunidades autónomas nin ás organizacións agrarias -cando menos ás galegas con representación nacional- á hora de decidir as achegas directas pola seca, que deixarán aos gandeiros galegos tan só cun 25% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva, porcentaxe destinada ás comunidades que o executivo de Madrid establece como de afectación moderada.
Por isto, o conselleiro do Medio Rural remitiu unha carta ao ministro Luis Planas para demandar unha reunión co gallo de tratar a discriminación territorial de Galicia respecto da repartición das axudas directas. A misiva ía asinada tamén por Unións Agrarias, a Asociación Agraria de Galicia, o Sindicato Labrego Galego, a Asociación Galega de Cooperativas e o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia.
O grupo de traballo constituído ten como obxectivo fundamental analizar sector por sector cales son os máis prexudicados non só pola seca senón tamén polos seus efectos, tendo en conta que a maioría dos insumos proceden de rexións con maior afectación pola falta de choivas e -en casos como o da palla, por exemplo- mesmo se triplicou o prezo.
Ademais, na reunión púxose de manifesto que por parte da Xunta seguirase reclamando unha modificación da Lei da cadea alimentaria para determinar que mecanismos e organismos van ser os encargados de controlar, editar e publicar os custos de produción e que estes sexan realmente de referencia obrigatoria para os contratos entre os axentes de dita cadea.