Rural

A Xunta destaca o potencial innovador do rural para atraer nómades dixitais

Elena Rivo, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitaron en San Xoán de Río o proxecto Aldealista, que pon en contacto usuarios con áreas rurais adaptadas aos seus perfís.

Óscar Gómez

Ourense | 11.12.2023 08:00

A Xunta destaca o potencial innovador do rural para atraer nómades dixitais | onda cero

Coa súa visita, os representantes autonómicos puxeron en valor esta iniciativa que avoga por revitalizar as aldeas e utiliza unha aplicación móbil que pon en contacto particulares con estas localidades de menos de 5.000 habitantes, para que poidan coñecelas e, nun futuro, de ser o caso, desenvolver o seu proxecto vital nestas zonas. En paralelo contribúese ao seu desenvolvemento dixital e económico.

Na mesma liña, a Xunta de Galicia quere aproveitar o potencial de crecemento das contornas rurais, a través do despregamento da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta na actualidade con doce centros activos, tres deles na provincia de Ourense (Verín, O Barco de Valdeorras e O Carballiño) ao que se sumará en breve un cuarto que estará situado en Baños de Molgas. A iniciativa, lembrou Rivo, vén de espertar o interese da Comisión Europea como modelo a replicar noutros países da Unión.

A Xunta destaca o potencial innovador do rural para atraer nómades dixitais | onda cero

O Goberno galego tamén quere dar cabida na comunidade a nómades dixitais ou profesionais en remoto a través de espazos co-living, que engaden aos servizos de coworking a posibilidade de residir nestes lugares de xeito temporal. O obxectivo desta iniciativa, explicou Elena Rivo, é seguir dinamizando o rural galego, xerando actividade económica dun modo sustentable.

No eido do turismo, Xosé Merelles salientou a importancia desta iniciativa para poñer en valor o potencial turístico do rural galego. E facelo, ademais, da man da innovación, un aspecto, dixo “moi aliñado co traballo levado a cabo desde Turismo de Galicia e da man das nosas estratexias de traballo”. Fixo mención, ademais, á tendencia turística deste ano, cando, nos dez primeiros meses, Galicia recibiu máis de 6,4 millóns de viaxeiros aloxados. Neste contexto, salientou o caso da provincia de Ourense, na que, segundo os últimos datos do INE, se rexistraron máis de 340.000 viaxeiros aloxados, o que supón un incremento de máis do 3% en relación co ano pasado e que fixeron máis de 600.000 noites, o que supón un incremento do 5%.