Medio Rural

A Xunta aposta pola innovación para a mobilización do rural

María José Gómez salientou que o concepto de territorio rural intelixente implica unha aposta polo progreso e por un futuro sustentable, que é o que -sinalou- “estamos empeñados en fomentar dende a Xunta de Galicia”.

Óscar Gómez

Ourense |

A Xunta aposta pola innovación para a mobilización do rural | onda cero

Neste sentido, María José Gómez insistiu en que “para nós, dende a Consellería do Medio Rural, é esencial valorizar e mellorar o agro, porque Galicia é rural”, así como mellorar a vida das persoas que viven e traballan neste eido. Ademais, indicou que a poboación demanda para o rural servizos semellantes aos das cidades e que “a tecnoloxía fai posible que eses servizos se acheguen tamén ás zonas rurais”. De aí que puxera en valor estas xornadas que, dixo, “vannos permitir coñecer mellor esas posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías e a intelixencia artificial”, remarcou.

Neste mesmo sentido, María José Gómez puxo en valor as solucións innovadoras que se están aplicando nas aldeas modelo, para incorporar un novo sistema de xestión máis eficaz e eficiente dos servizos públicos desde as administracións locais. Todo isto, adaptado neste caso á dispersión do territorio galego, ademais de, noutra liña central de traballo, potenciar a xestión da actividade agrogandeira ou implementar un sistema enerxético integral. Algo que beneficia especialmente ao

territorio da provincia de Ourense, no que se sitúan a maior parte das aldeas modelo creadas en Galicia -14 do total das 21 que existen na comunidade autónoma-. Neste sentido, cómpre destacar que na propia aldea modelo de Trelle, neste concello de Toén, se están desenvolvendo iniciativas innovadoras deste tipo, un caso de éxito que precisamente será avaliado nesta xornada.

Ademais, o Goberno galego vén traballando para afrontar o reto demográfico, loitar contra o abandono de terras, propiciar a remuda xeracional das explotacións, reforzar a prevención e defensa fronte os incendios forestais e amparar e promocionar a calidade dos produtos agroalimentarios.

Iniciativa Leader

En relación co reto demográfico, compre poñer en valor a iniciativa Leader e o papel que realizan os 24 grupos de desenvolvemento rural de Galicia. Así, só no período 2014-2021 esta iniciativa europea apoiou máis de 1.700 proxectos en toda Galicia, consolidando preto de 4.000 postos de traballo e creando máis de 1.100 empregos no rural.

Con respecto á loita fronte o abandono, hai que mencionar o labor realizado ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que ofrece unha serie de instrumentos deseñados especialmente para cumprir esa función. Nesta liña, destacan os diferentes proxectos relacionados coa conectividade, as enerxías renovables e o aproveitamento das novas tecnoloxías que se están implementando nas aldeas modelo. Así, oriéntanse estes espazos a desenvolver solucións innovadoras para incorporar un novo modelo de xestión máis eficaz e eficiente dos servizos públicos desde as administracións locais, adaptado neste caso á dispersión do territorio galego, ademais de, noutra liña central de traballo, potenciar a xestión da actividade agrogandeira.

En parecidos termos, cómpre incidir na importancia de fomentar a remuda xeracional no agro e valorar as axudas xestionadas por Medio Rural para esta finalidade. Así, grazas a elas, no período 2009-2023 apoiouse a incorporación dun total de 4.700 mozas e mozos galegos que decidiron apostar polo agro como modo de vida.

Centro de Toén

No contexto deste acto, celebrado no Centro de Loita Integral contra o Lume de Toén, a titular de Medio Rural puxo tamén en valor o traballo da Xunta nesta materia. Así, definiu estas instalacións como un complexo emblemático e “referente” tanto no eido da innovación como da formación.

Nestas xornadas de Toén, que teñen como finalidade difundir o concepto e as posibilidades do Territorio Rural Intelixente, están presentes alcaldes e técnicos dos concellos da provincia ourensá. O programa inclúe relatorios sobre a conectividade por satélite, a nova realidade da telemedicina ou a enerxía renovable de autoxeración, entre outros.