A Xunta apoia o sector vitinvinícola con axudas para a adquisición de uva
Estas achegas buscan paliar o encarecemento dos custos de financiamento da adquisición da colleita polas adegas, o prazo para poder solicitala rematará o 15 de decembro.
O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado polo director financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Alberto Vivero, mantivo un encontro no Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro con bodegueiros da DO para presentarlles o préstamo que ofrece o Igape para a adquisición de uva nas denominacións de orixe e indicacións xeográficas de Galicia pola vendima deste 2023. Nesta tarde, tamén se trasladará ata a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei para transmitirlle esta información a bodegueiros da DO.
Con estas achegas preténdese paliar o encarecemento dos custos de financiamento da adquisición da colleita polas adegas, pero tamén buscan facilitar o seu acceso ao crédito fomentando a participación en sociedades de garantía recíproca que avalen o 100% das operacións e, por último, permitir o cumprimento dos prazos de pago previstos na normativa.
O prazo de solicitude destas axudas do Igape está aberto dende hoxe, 25 de outubro, sendo subvencionables os préstamos formalizados con esta finalidade dende o pasado 1 de setembro, e finalizará o 15 de decembro. Posteriormente, os beneficiarios terán ata o 31 dese mesmo mes para formalizar as operacións de préstamo. Antes do 30 de xuño de 2024, e unha vez feitos os pagos da colleita, as adegas deberán solicitar o cobramento da axuda ao Igape.
As adegas que soliciten a axuda deberán incluír todas as operacións de préstamo concedidas para esta finalidade e nas condicións das bases. O cálculo da axuda será a suma dos préstamos, ou de ser menor, a suma dos pagos de uva -DO e IXP- co IVE engadido.
A mellor vendima da última década
A vendima deste ano 2023 foi a máis abondosa da última década, na que se recolleron 77,3 millóns de quilos, quedando preto da mellor da historia (2011). O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria continuará mañá con estas presentacións sobre as axudas do Igape, trasladándose ata os consellos reguladores das denominacións de orixe Ribeira Sacra e Valdeorras para informar aos bodegueiros.