O Tribunal Superior de Xustiza mantén a paralización cautelar da mina da Penouta
O Tribunal recoñece que a Xunta omitiu a avaliación de impactos sobre a Rede Natura 2000 durante a tramitación da autorización.
Novo revés xudicial á empresa canadense da Mina da Penouta e á propia Xunta, que ven desestimados os seus recursos contra a medida cautelar de suspensión da explotación imposta polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia logo de que a autorización outorgada o ano pasado fose impugnada por Ecoloxistas en Acción.
A pesar dos extensos escritos de alegacións da mineira e da Consellaría de Economía e Industria, o órgao xudicial recusou todos e cada un dos argumentos presentados, dando a razón a Ecoloxistas en que a tramitación do proxecto omitiu a preceptiva avaliación dos impactos sobre a Rede Natura 200, a pesar de estar a cero metros da Zona de Especial Conservación de Pena Trevinca.
No auto, dictado a pasada semana, censúrase que a Xunta non correxise este defecto durante a tramitación, a pesar de que en 12 das alegacións presentadas durante o trámite ambiental se alertase sobre o mesmo. Tamén considera o feito de que boa parte dos cauces por volta da mina presentan niveis elevados de arsénico, mercurio, chumbo e cadmio, supoñendo o risco para as poboacións que obteñen o seu subministro destes, incluíndo a propia vila de Viana.
O Tribunal tamén descartou a pretensión de Strategic Minerals de impoñer unha fianza a Ecoloxistas en Acción de máis de tres millóns de euros, lembrando que se a empresa decidiu realizar inversións antes de que a resolución de aprobación do proxecto fose firme, foi baixo o seu propio risco e ventura. Recolle o auto a advertencia de Ecoloxistas de que “atrbuír perdas a terceiros é práctica habitual dos directivos que controlan o accionariado da mercantil, os empresarios venezolanos Miguel de la Campa, Serafino Iacono e Jaime Pérez Branger”, que xa estiveron á fronte da petroleira colombiana Pacific Rubiales Energy e que aparecen nos ‘Papeis de Panamá” do bufete Mossack Fonseca.
Campaña de intimidación
O fallo xudicial chega logo de dous meses intensos nos que a empresa utilizou aos traballadores para tentar presionar o órgano xudicial, mesmo organizando unha manifestación diante do Tribunal na Coruña, e para atacar a Ecoloxistas en Acción mediante pancartas difamatorias e insultos en redes sociais.
En paralelo, a Cámara Oficial Mineira de Galicia, organismo presidido por un empregado de Strategic Minerals, presentou unha denuncia falsa nos Xulgados da Coruña contra media ducia de activistas do colectivo ecoloxista, atribuíndolles o “asalto violento” á súa sede. Precisamente o presidente da Cámara afirmaba o pasado mes de outubro nunha rolda de prensa en Viana do Bolo que o ente mineiro tentaría “corrixir estas motivacións que teñen algúns de prohibir ou de poñer pedras a este tipo de proxectos”.