Traballos preventivos en montes de Carballeda de Valdeorras, A Pobra de Trives e A Veiga
Estas actuacións enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que contou cun orzamento de case 30 millóns de euros no ano 2021.
A Consellería do Medio Rural vén de realizar diversas obras preventivas no distrito forestal XIII Valdeorras-Trives, concretamente en montes dos concellos de Carballeda de Valdeorras, A Pobra de Trives e A Veiga, por un importe de máis de 73.000 euros. Precisamente, moitas destas actuacións localizáronse en zonas de alto risco de incendios preventivos, minimizando así a posibilidade de lumes nesas áreas.
Así, as actuacións que se levaron a cabo nas parroquias de Sobradelo (concello de Carballeda de Valdeorras) e de Somoza (concello da Pobra de Trives) consistiron na mellora de pistas existentes, incluíndo a colocación de pasos de auga naqueles lugares onde foron necesarios, e a creación de novas vías de comunicación ao monte, co fin de facilitar o acceso do persoal do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais en caso de ser necesario.
Tamén se realizaron traballos de apertura e mellora de cortalumes, coa finalidade de interromper a continuidade da vexetación naqueles lugares especialmente axeitados de cara a deter un posible incendio forestal na zona e, así, protexer os principais valores naturais existentes nela.
No concello da Veiga, os traballos preventivos centráronse no monte Cobo e Lombo, na parroquia de Prada, e consistiron na adecuación de pistas forestais. Así, procedeuse á apertura de pistas con colocación de pasos de auga e eliminación de fochancas.
Todas estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.