Xunta de Galicia

Rueda pon en valor o papel de expresidente José Quiroga na construción da autonomía de Galicia

Salienta que a homenaxe a Quiroga é un recoñecemento aos persoeiros que traballaron polo autogoberno de Galicia “con poucas ferramentas e moi escasos recursos”

Óscar Gómez

Ourense | 10.02.2023 17:32

Rueda pon en valor o papel de expresidente José Quiroga na construción da autonomía de Galicia | onda cero

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o papel do expresidente José Quiroga na construción da autonomía de Galicia como a casa común da que hoxe desfruta o pobo galego. O mandatario autonómico asegurouno na súa intervención no acto de nomeamento do político de Petín como fillo predilecto da provincia de Ourense por iniciativa da Deputación provincial.

Rueda enxalzou a talla “física, moral e política” dunha figura que sen esquecer nunca as súas obrigas como médico e como pai de familia foi quen de emprender un camiño cheo de incertezas como foi o da construción do autogoberno galego e a redacción do Estatuto de Autonomía. Asegurou que a homenaxe a Quiroga era tamén un recoñecemento a todos os persoeiros que traballaron polo autogoberno de Galicia “con poucas ferramentas e moi escasos recursos”.

O presidente do Goberno galego loou tamén e carácter construtivo e dialogante daquela xeración de políticos que, nos tempos da Transición e por riba das diferenzas, tiñan o obxectivo común de acadar unha Constitución para España e un Estatuto para Galicia.

Rueda tamén aproveitou o acto para render homenaxe aos que lle precederon na presidencia da Xunta. “Os galegos teñen unha galería de presidentes da que poden sentirse orgullosos -asegurou-. Con independencia da súa cor política, a todos cómpre render tributo porque todos aportaron á obra común que chamamos Galicia”.

José Quiroga, fillo predilecto da provincia a título póstumo | onda cero

José Quiroga, fillo predilecto da provincia a título póstumo

O expresidente da Xunta de Galicia e médico José Quiroga Suárez (Petín, 1920-A Rúa, 2006) recibiu a título póstumo a distinción de Fillo Predilecto da provincia, "como homenaxe e recoñecemento do pobo de Ourense a un dos grandes prohomes da autonomía galega e figura vital no desenvolvemento do autogoberno", que coa súa contribución "acadou para Galicia catro décadas de benestar e progreso", segundo recolle a acta do expediente de honras.

A familia do político ourensán recolleu o título nun solemne acto celebrado este mediodía no salón de plenos da Deputación de Ourense, copresidido polos presidentes do goberno provincial, Manuel Baltar, e da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañados polo presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; familiares do homenaxeado; os alcaldes de Petín -Raquel Bautista- e A Rúa -Álvaro Fernández-; representantes da provincia no Congreso e o Senado; parlamentarios autonómicos, cargos institucionais e membros da corporación provincial.

Na súa intervención, Manuel Baltar definiu a José Quiroga como un “cidadán preocupado polo progreso e o benestar de Galicia, un partícipe da cousa pública que exerceu con total entrega e dedicación”. Quiroga Suárez desenvolveu, sinalou o presidente do goberno provincial, “con decisión as responsabilidades para as que foi escollido, sen facer da política unha mera ambición persoal, aportando a humanidade da súa vocación médica ó exercicio da acción pública. Actuou sempre así, dende o compromiso cos seus veciños de Valdeorras ata a alta responsabilidade de ser o segundo presidente do Goberno de Galicia”.

Manuel Baltar enmarcou a traxectoria de Quiroga -“un Fillo ilustre da Ourensanía”-, na liña de pensamento do compromiso galeguista representando polos ourensáns Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Castelao e o poeta Ramón Cabanillas, “que transformaría, dende Ourense, o concepto cultural e político de Galicia”.

“Non rachar con nada, aspirar a todo”

O presidente da Deputación reflexionou, parafraseando a Barreiro Rivas e ao seu libro “A terra quere pobo”, arredor dese “fatalismo histórico” de Galicia construído a partir do “encontronazoentre unha cultura tradicional e inmobilista cun contexto político, social e económico suxeito a fortes e ben orientadas dinámicas”. Este choque, valorou Manuel Baltar, orientou o pensamento dos homes de Nós: “Participar, como pobo autoidentificado, como nación cultural, no diálogo e no desenvolvemento global das culturas, das economías e dos procesos políticos. Non rachar con nada, aspirar a todo”.

Manuel Baltar situou a Quiroga no “comportamento ético e telúrico” comezado polas Irmandadades da Fala e que “se fixo visible e acadou altura intelectual cos homes de Nós, que continuou na política co Partido Ourensán Republicano, integrado en 1932 no Partido Galeguista, que remontou a terrible traxedia da guerra civil e da ditadura dende a outra beira do Atlántico, dende Bos Aires”. Unha liña política, sinalou o presidente, “retornada co mesmo espírito, pero en diferentes circunstancias, na transición democrática, cosgrupos políticos afíns a Euloxio Gómez Franqueira, militante da Mocidade Galeguista antes da guerra civil e cabezaleiro dunha idea e dunha praxe agrupada en Coalición Galega. Despois viría Centristas de Galicia, formación orientada por un gran amigo de José Quiroga, Victorino Núñez”.

“Ese longo camiño, con idas e voltas, con longas rectas e reviravoltas”, rematou o presidente da Deputación, “serviu de alento a un médico entregado, que chegaría a ser o valedor e a voz defensora, perante o Senado, do segundo Estatuto de Autonomía de Galicia; nobre e sacrificado presidente dunha Xunta que carecía de case todo, pero que soubo suplir as dificultades e os atrancos con valentía e dignidade”.