Rivo amosa o apoio da Xunta ao sector do transporte de mercadorías
A Xunta financiará formación de curta duración dirixida a persoas traballadoras a través dos Bonos Talento Empresa no marco da Axenda Galega de Capacidades.
Elena Rivo, mostrou en San Cibrao das Viñas, na asemblea xeral da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), o apoio da Xunta para dar resposta ás súas demandas no eido laboral.
Na reunión, entre outros asuntos, abordouse a necesidade de dar resposta ás vacantes laborais que existen na actualidade neste sector, unha realidade para a que a Xunta conta con diferentes programas co reto de axustar a oferta á demanda de traballo. Os Bonos Talento Empresa, que aprobou o pasado xoves o Consello da Xunta, cun investimento de dous millóns de euros, apoiará en microempresas, pequenas empresas, autónomos e entidades do terceiro sector accións formativas de curta duración dirixidas a persoas traballadoras ocupadas por conta allea.
Esta iniciativa ponse en marcha no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, unha estratexia da que forma parte Apetamcor, coa que se pretende crear contornas de aprendizaxe permanentes para casar oferta e demanda a través de microformacións deseñadas polas propias empresas.
O programa Retorna Cualifica emprego busca, ademais, favorecer o regreso das galegas e dos galegos no exterior e, ademais, a Administración autonómica aposta na nova Lei de Igualdade por crear contornas de traballo atractivas, con boas condicións laborais que consigan reter o talento humano. A nova normativa regula por primeira vez nunha administración pública a sustentabilidade social empresarial, un concepto que contribúe a crear equipos diversos, multidisciplinares e máis competitivos e centrado no benestar laboral.
Na defensa da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a Xunta tamén traballa para consolidar a presenza feminina no tecido empresarial, en especial naqueles sectores nos que teñen subrepresentación, como é o do transporte de mercadorías por estradas.