Restauración ambiental de 1.166 puntos de vertido incontrolado nos últimos 7 anos
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda actuou en máis de 150 concellos, grazas ao cal se rexeneraron 79 hectáreas.
As actuacións de restauración ambiental e paisaxística da Xunta de Galicia, xunto coa concienciación cidadá, permitiron reducir o número anual de puntos de vertido incontrolados (PVI) de residuos dos 300 executados en 2015 aos 52 do actual exercicio, é dicir, un 577% menos en só sete anos.
Se ben a competencia sobre estes puntos corresponde aos concellos, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén asumindo a prestación de apoio ás entidades locais. En concreto, o programa púxose en marcha en 2015 —tras unha experiencia piloto en 2014— e desde entón o número de PVI eliminados situouse nos 1.166 en máis de 150 concellos, para o cal o Goberno galego destinou máis de 9,2 millóns de euros. Grazas a isto, rexeneráronse 79 hectáreas de terreo.
O programa da Consellería ten un dobre obxectivo. En primeiro lugar, recolle, separa, transporta e entrega a un xestor autorizado os residuos abandonados, para a súa reciclaxe e súa conversión nun novo recurso. En segundo lugar, rexenera a zona, asegurando así a conservación da biodiversidade da Comunidade. Deste xeito, evítase tamén a proliferación de novos amoreamentos, ao eliminar o hábito de depositar lixo nestes lugares.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de elaborar un informe sobre a execución destes traballos nos anos 2020 e 2021, onde se sinala que nos dous últimos anos o esforzo da Xunta resultou na restauración de máis de 10 hectáreas de terreo.
Entre as tipoloxías de residuos que foron trasladados a un centro autorizado para a súa correcta xestión destacan case 6.700 m3 de residuos da construción e demolicións, máis de 47 toneladas de plásticos, case 31 toneladas de pneumáticos fóra de uso, preto de 9 toneladas de aparellos electrónicos e eléctricos (RAEE) e 25 quilos de baterías.
O Camiño de Santiago, o foco de 2022
Ao longo de 2022, a Xunta manterá este esforzo, polo que habilita unha partida de 1,8 millóns de euros, pero — tendo en conta a diminución de PVI— neste caso co obxectivo principal de analizar as razóns do abandono de residuos en cada concello e poder así asesoralos sobre futuras solucións de prevención.
Outra das novidades do vindeiro exercicio é que se porá o foco no Camiño de Santiago. Así, a Consellería e os responsables da Ruta Xacobea están a deseñar unha nova utilidade na súa aplicación móbil oficial, co fin de que os peregrinos poidan contribuír á prevención destes acopios.
Grazas a esta ferramenta, os camiñantes poderán enviar de xeito anónimo fotos xeolocalizadas que recibirá a Consellería de Medio Ambiente, a cal comunicará os feitos ao concello para que este proceda á súa eliminación temperá e evitar así que se converta nun punto de vertido.
Así mesmo, como complemento da planificación de restauración ambiental e paisaxística dos PVI, cómpre lembrar que Galicia dispón dunha rede de puntos verdes fixos e móbiles para facilitar o cumprimento das súas competencias en materia de residuos e permitir aos cidadáns depositalos de forma gratuíta segundo a súa tipoloxía, facilitando o seu tratamento e valorización posterior.
Nesta liña, a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023 prevé axudas a concellos por importe de 5 millóns de euros para instalación destas instalacións fixas e móbiles nas dúas próximas anualidades.