O Psoe requiere axudas directas ao sector da castaña de Ourense
Álvaro Vila contempla a activación de liñas de subvención para a aplicación de medidas fitosanitarias para paliar os efectos de patoloxías, pragas e déficits hídricos detrás da precaria situación dos soutos.
O Grupo Provincial Socialista require da Deputación de Ourense que inste á Xunta de Galicia á urxente adopción de axudas directas ao sector da castaña do oriental ourensán para que produtores, almacenistas e empresas de transformación sexan quen de facer fronte ás grandes perdas da campaña en curso. A medida foi anunciada polo voceiro socialista, Álvaro Vila, nunha visita ao concello de Riós na que, acompañado doutros membros do Grupo Provincial, puido coñecer de primeira man a delicada situación que atravesan os profesionais da castaña. A moción, que será presentada no pleno do vindeiro 27 de outubro, contempla que a instancia provincial faga presión sobre o goberno autonómico tamén con vistas á activación de liñas de subvención para a aplicación de medidas fitosanitarias para paliar os efectos de patoloxías, pragas e déficits hídricos detrás da precaria situación dos soutos.
“O máis urxente pasa por axudar no curto prazo aos actores máis vulnerables pola caída no volume das colleitas, se ben entóxase ineludible un diagnóstico sobre as razóns exactas no descenso dos continxentes recolleitos en cada comarca e acadar a certeza científica da orixe do problema”, dixo Vila. Por sito, amais das axudas, engadiu o voceiro do PSdeG-PSOE, “queremos que a Deputación de Ourense se poña abertamente do lado do sector para garantir o futuro da actividade e inste á Consellería de Medio Rural á aceleración da posta en marcha dun plan integral para a revitalización dos nosos castiñeiros que contemple un estudo en profundidade para a diagnose dos motivos da continuada caída da produción nas comarcas produtoras, chegando a establecer as orixes certas do problema”.
Annus horribilis
A pesares das boas expectativas do sector tras concatenar seis anos de malas colleitas motivadas por distintos factores, os produtores ourensáns de castaña prevén unha caída importante da produción para a campaña en curso. Profesionais e expertos apuntan ao cambio climático e ás elevadas temperaturas destas últimas semanas, pero tamén á enfermidade da antracnosis, que afecta a un elevado número de castiñeiros. Con 100.421 toneladas colleitas en 2022, e a pesares da caída durante o último lustro polo efecto de sucesivos andazos, seguimos a ser a provincia que máis produce, sendo de orixe ourensán o 58% do total da colleita española.
“Ourense confórmase coma líder no Estado español, representando case un 60% do total, sendo a produción dos nosos soutos un recurso fundamental para as comarcas da montaña da nosa provincia, nomeadamente afectadas polo despoboamento e abandono rural, onde a castaña supón unha importante inxección económica para cooperativas e empresas, pero tamén coma complemento ás rendas das familias e pensionistas do rural”, destacou Marina Vaz, deputada provincial socialista e concelleira no Riós. “Diante do peso específico da castaña na provincia e as súas fondas implicacións socioeconómicas, que afectan non só a produtores, senón tamén a almacenistas e empresas de transformación; é preciso que se dispoñan as medidas oportunas para manter as condicións da relevancia de tan singular produto en concellos como Riós, pero tamén na Mezquita, A Gudiña, O Bolo, Manzaneda e Viana do Bolo, por citar algúns exemplos”, concluíu Vaz.