O Psoe reclama a Xunta que protexa os mais de 1000 empregos da lousa en Valdeorras
Carmen Dacosta alerta de que a comarca quedará “ferida de morte” de destruírse estes postos de traballo e considera primordial a mediación do goberno galego.
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta presentou unha batería de iniciativas para esixirlle á Xunta que “se poña o traxe de traballo”e actúe de forma inmediata para protexer máis de 1.000 empregos do sector da lousa na comarca de Valdeorras, que están en risco ante o desafiuzamento das empresas Irosa e Samaca.
A parlamentaria ourensá ofreceu unha rolda de prensa na Cámara galega este xoves para expresar apoio expreso aos traballadores do sector da lousa que ven perigar o seu posto de traballo, así como ás súas familias. Os socialistas insisten en amosar o seu respecto á decisión xudicial que ordena o desafiuzamento, pero consideran que “o primordial é que se produza unha mediación” dende o goberno galego, “para que se protexan os postos de traballo dunha das empresas con máis contratación da comarca de Valdeorras”.
Carmen Dacosta advirte de que están en xogo 250 empregos directos e máis de 1.000 indirectos nunha comarca especialmente dependente deste sector e que “quedará moi ferida en termos sociais e económicos se non se resolve esta situación”. Así mesmo, recordou que na anterior crise económica que afectou especialmente ao sector da construción “perdéronse na comarca máis de 1.000 postos de traballo que aínda hoxe non se recuperaron”.
Por elo, o que piden os socialistas a través dos trámites parlamentarios é que a Xunta faga “unha actuación urxente, que se poña o traxe de traballo, medie e dea os pasos necesarios para solucionar esta situación e que protexa os postos de traballo”. Así mesmo reclaman transparencia e información, “pedimos que a Xunta nos diga como vai a actuar, que pasos vai a dar para desbloquear esta situación”, asegurou Dacosta.
Tamén, a través do artigo 9 do regulamento do Parlamento de Galicia que permite aos grupos parlamentarios esixir calquera información que fora necesario para o mellor cumprimento das súas funcións, o grupo socialista reclama ter coñecemento de como se encontra un expediente de expropiación dos terreos iniciado pola Xunta en xaneiro deste mesmo ano.
A deputada socialista non quixo deixar pasar a importancia que ten este sector dentro da provincia, con 2.400 postos de traballo directos e unha estimación de catro indirectos por cada emprego directo. Do mesmo xeito, recordou a difícil situación demográfica da provincia de Ourense no seu conxunto, cunha media de idade superior aos 50 anos e que só suma o 10% dos nacementos de Galicia, polo que o sector da lousa que factura 250 millóns de euros ao ano, ten unha importancia vital.