Ourense Provincia

O Psoe reclama non privatizar o servicio de recollida de residuos que presta a Deputación

“Somos contrarios á conversión do servizo nun negocio privado, implicando un empeoramento do mesmo e o deterioro das condicións dos traballadores”, explicou o voceiro socialista, Álvaro Vila.

Óscar Gómez

Ourense | 12.12.2023 16:46

O Psoe reclama non privatizar o servicio de recollida de residuos que presta a Deputación | onda cero

O Grupo Provincial Socialista presenta unha moción para garantir o mantemento do carácter público do servizo de recollida e tratamento de residuos que presta a Deputación de Ourense. “Somos contrarios á conversión deste servizo público nun negocio privado a través da súa adxudicación a unha sociedade mercantil, que significaría o empeoramento do servizo, deterioro das condicións dos traballadores e encarecemento da prestación”, explicou en rolda de prensa Álvaro Vila, voceiro provincial socialista. Segundo este, “calquera intento de privatización redundará nun recorte das prestacións percibidas por dous terzos dos habitantes da provincia, involucrando novos prexuízos para os concellos afectados”.

Ata 74 concellos, que representan o 80% dos municipios ourensáns e máis de 200.000 veciños, dependen do servizo de recollida e transferencia de lixo en réxime de competencia delegada. A Deputación de Ourense tamén se ocupa da recollida selectiva de envases lixeiros nunha vintena de concellos, de papel e cartón en até seis e de vidro en outros nove, asumindo o servizo de Punto Limpo en 64 municipios. Co voto favorable de PP, DO e unha deputada non adscrita, en decembro de 2021 aprobouse o cambio do modo de xestión do servizo “esgrimindo unicamente eminentemente políticos, que non implican ningún beneficio para veciñanza e traballadores, nin en termos de eficacia, eficiencia e sustentabilidade económica”, destacou Vila.

“Defendemos que o modelo máis acaído co interese xeral é o de xestión directa á luz das súas avantaxes probadas en termos de eficacia, eficiencia, custo e beneficios sociais e medioambientais”, expuxo o voceiro socialista. Para Vila, “é fundamental reforzar este servizo a través dun pulo público e non a través da imposición dun carácter mercantil, con ánimo de lucro, menos transparente, menos sostible e nada participativo”. Os socialistas instan ao goberno do PP a un “compromiso categórico” para desbotar calquera iniciativa dirixida á privatización ou externalización do servizo, apuntalar o seu carácter público e avanzar cara o seu reforzamento para ampliar as prestacións á veciñanza e garantir unhas mellores condicións laborais aos traballadores afectados.

“Logros tanxibles” dunha oposición “construtiva”

Acompañado doutros deputados socialistas, Vila puxo de relevo os logros do seu grupo na labor de oposición, que o seu voceiro cualificou de “construtiva, cooperativa e a prol de avances concretos para as nosas veciñas e veciños, para a nosa provincia”. Deste xeito, Vila pasou revista dalgúns dos “logros tanxibles” da lexislatura, a pesares de que esta aínda deu comezo a mediados do pasado mes de xullo. Entre estes fitos, o voceiro socialista destacou a inclusión de “absolutamente todos os concellos” na modificación orzamentaria do pasado outubro, “que na proposta orixinal realizada polo presidente da Deputación excluía ata once municipios, que casualmente eran, de xeito maioritario, do PSdeG-PSOE e do BNG”.

“Impulsamos a aprobación dun plan único para o financiamento dos concellos de menos de 20.000 habitantes máis ambicioso do que o PP intentaba, que pon fin a anos de discriminación, chegando agora os recursos a todos, independentemente da cor política e sobre a base de criterios obxectivos“, declarou Vila. Amais, o voceiro socialista salientou a batería de alegacións presentadas á ordenanza reguladora para a recollida, recepción e tratamento de residuos industriais non perigosos e especiais. Segundo Vila, “loitamos por unha ordenanza equitativa para toda a provincia porque o texto proposto polo grupo de goberno establece unha zona prioritaria para os concellos de San Cibrao e Pereiro de Aguiar, e discrimina ao resto en servizos e custos”.