O Psoe insta a reactivación do casco histórico de Ourense e impulsar a vivienda para a mocidade
Os socialistas lamentan o abandono do casco histórico, que no período 2013-2019 diminuíu a súa poboación en máis de 300 veciños, ao tempo que se rexistraron un 54 novos pisos turísticos nesta zona
O PSdeG-PSOE levará ao vindeiro pleno municipal unha moción na que insta ao Concello de Ourense e á Xunta de Galicia a pór en marcha, de xeito conxunto, un plan de reactivación do casco histórico que leve aparellada unha batería de medidas específicas para favorecer a emancipación e acceso á vivenda dos máis novos nesta zona da cidade. Así mesmo, os socialistas apostan por complementar este plan con bonos de alugueiro social que alivien o pago dos gastos de auga, luz e gas nas vivendas de alugueiro.
Neste sentido, a vicevoceira do grupo socialista no Concello de Ourense, Natalia González, lembrou que o Concello ten “paralizado” o desenvolvemento urbanístico da zona histórica desde a “caída” do plan especial para As Burgas, ao cal cómpre sumar o “insuficiente” compromiso da Xunta en materia de vivenda coa cidade de Ourense. “Defendemos que a xuventude ten que ter unha liña específica de axudas para o acceso á vivenda e pensamos que pode ser compatible co impulso do casco vello, dada a gran cantidade de vivendas baleiras que existen na actualidade”, recalcou González.
A socialista lamentou o “abandono” do casco histórico ao tempo que detallou que, no período comprendido entre os anos 2013 e 2019, segundo os datos da Axencia de Turismo de Galicia, “abandonaron esta zona 315 dos seus residentes”, ao tempo que se rexistraron na cidade un total de “151 novos pisos turísticos”, dos cales “54 están ubicados na zona vella”.
Pola súa banda, o secretario das Xuventudes Socialistas en Ourense, Xurxo Doval, agradeceu que a primeira moción dos socialistas no Concello en 2021 sirva para amosar o “compromiso coa xuventude”, e en particular coa emancipación dos máis novos, que en España se produce de xeito “máis tardío” ca noutros países da contorna europea, como precisou o secretario de XXSS.
Doval apuntou á proliferación dos apartamentos turísticos no casco histórico como unha das causas principais do “encarecemento” do alugueiro na cidade e alertou de que os prezos se están “disparando” tamén nos barrios de carácter máis social da cidade. “A día de hoxe unha vivenda en Ourense pode ter un prezo de 450 euros por 55 metros cadrados”. A este respecto, Doval advertiu que as bolsas universitarias “non chegan”. “Unha bolsa de 1,500 euros de contía fixa non axuda a resolver todos os gastos de alugueiro e derivados, como luz auga e calefacción”, reiterou o socialista.
O voceiro do grupo municipal, Rafa Villarino, detallou que, segundo un informe do Banco de España recentemente publicado, a xuventude perdeu máis dun 90% da súa riqueza, en comparación coa que tiña antes da crise, e preguntouse “que lle espera” a unha mocidade “cada día máis empobrecida”. Neste sentido, o socialista instou á “colaboración entre administracións” para reverter a situación dos máis novos e tamén para “impulsar” a recuperación dun casco histórico “esquecido”. “Non somos partidarios dos pisos turísticos” asegurou, “pero do que si somos firmes defensores é de que a xente teña acceso a unha vivenda”.