O Psoe ensalza a etapa de Perez Touriño como a mellor para Ourense
Destacan a visión estratéxica do expresidente, cuxa época estivo marcada polo impulso de Ourense como “cidade emerxente” no sistema galego a través de proxectos de fondo calado a nivel territorial.
O PSdeG-PSOE de Ourense asistiu este serán á presentación do libro de ensaio “El Horizonte Europeo”, de Emilio Pérez Touriño, quen estivo acompañado polo presidente do Liceo, Xabier Casares, e do candidato socialista á Alcaldía de Ourense, Francisco Rodríguez. Os socialistas aproveitaron a ocasión para agradecerlle ao expresidente da Xunta de Galicia o seu compromiso político coa cidade, nomeadamente entre os anos 2005 e 2009, unha etapa do exlíder autonómico á que fixeron referencia como “período de referencia” para Ourense.
Neste sentido, subliñaron a necesidade de “recuperar o espíritu político Touriño”, cuxa visión estratéxica permitiu impulsar Ourense como “cidade emerxente” no sistema galego de grandes urbes a través de proxectos de fondo calado a nivel territorial, entre os que destacan a histórica liberación das peaxes entre Ourense e Santiago, a implantación da sede da Confederación Hidrográfica ou o Complexo Ferroviario Intermodal da Ponte, finalmente “estragado” polo goberno do Partido Popular.
Para as e os socialistas da cidade, Emilio Pérez Touriño representa unha concepción da política guiada polos valores de “consenso, institucionalidade e tolerancia” que Ourense “debe recuperar canto antes” para “pasar páxina do período máis triste e escuro da historia municipal democrática”.
Para finalizar, dende o grupo socialista puxeron en valor o talante político do que fora presidente autonómico, quen “soubo entender a política como un instrumento para ensanchar dereitos coma a igualdade e o benestar social” dende o traballo incansable, a reflexión constante e a mirada longa e de futuro. Aseguran, xa que logo, que “tomarán inspiración” do exlíder político para restablecer a normalidade institucional e democrática no Concello de Ourense a partir de maio do 2023.