O PSdeG-PSOE denunciou o último “paripé” de Manuel Baltar en Bruxelas, cunha visita “escandalosa” ante as institucións comunitarias coa que cargos do Partido Popular “simplemente foron buscar unha foto” para facer “propaganda” e “protestar” contra o Goberno de España, no lugar de “traballar activamente” para que a provincia poida beneficiarse de novos proxectos e fondos da Unión Europea.
O deputado socialista no Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, e o voceiro, Rafa Villarino, compareceron hoxe acompañados de deputados e deputadas provinciais para valorar estas últimas “aparicións” do presidente da Deputación ourensá. “Reuníronse con dous comisarios do PP, pero ningún deles executa un só euro de fondos europeos”, desvelou o parlamentario antes de sinalar que “non foron nin recibidos” pola presidenta, tamén conservadora, do Europarlamento, o que “da unha idea das portas pechadas” que están a atopar con esta estratexia de mentiras.
González Casares cualificou de “visita fallida” e “paripé” a viaxe coa que Baltar pretendía “enganar” e “embarrar o campo”, para reclamar uns fondos de recuperación pola pandemia da Covid-19 que “están chegando a todas as institucións, tamén ás gobernadas polo PP” porque o Goberno de España “non fai distincións”. “Agora está aberto o PERTE da agricultura e do sector agroalimentario” onde “Ourense ten un potencial enorme”, mais “non sabemos cales son os proxectos da Deputación e da Xunta” para a provincia neste e noutros ámbitos, advertiu.
“O que chamou a atención en Bruxelas daquel paseo foi o ridículo e non os proxectos para a provincia e para os concellos, a pesar de que un dos reclamos destes fondos son os territorios con problemas de despoboamento”, denunciou o eurodeputado. “Reclamamos que Baltar se poñan a traballar porque hai fondos para todos e van a estar ben repartidos para aqueles que teñan bos proxectos”, aseverou antes de advertir que “esta reclamación tamén é extensible á Xunta” da que “non sabemos os plans concretos para esta provincia”. “Ourense tamén existe”, insistiu.
Pola súa banda, Villarino denunciou que a “propaganda” da Deputación “fala dunha reunión cunha comisaria” cando “o que aconteceu non foi iso”, xa que “un grupo de cargos populares simplemente pretenderon escenificar un falso reparto clientelar con Manuel Baltar entre eles, que é o máximo representante do reparto discrecional” de todo o Estado. “Tamén venderon unha reunión co presidente da Comisión Europea cando realmente foi unha videoconferencia”, destacou antes de recordar a falsa reunión con Juncker en 2018.
“Este tipo de enganos non benefician a ninguén e afástanse do que realmente precisa a provincia” porque “os concellos precisan que a Deputación transmita información e que non só capitalice supostos proxectos que ninguén coñece”, destacou. O líder socialista anunciou que “trasladarán esta información” a organizacións e institucións para que poidan acceder aos fondos “con participación” e non “desta maneira que é un mero exhibicionismo” dunha persoa que “asegura que en Europa están asombrados coa capacidade da Deputación de Ourense”.
“Pregúntome se este home non ten un mínimo de humildade e decoro” para afirmar iso, cargando sobre as súas costas cos informes do Consello de Contas “que deixan bastante claro que é esta provincia”, dixo Villarino. “Europa non sei se coñece algo a Deputación de Ourense, pero os datos que ten son relevantes” para exemplificar “todo o contrario do que debe ser unha administración pública”, denunciou. “Pedimos a Baltar que se aparte do reparto clientelar, da falsa aparencia, da crítica valeira e que se poña a traballar para ser realmente útil para esta provincia”, concluíu o voceiro.