Concello de ourense

O Psoe denuncia a paralización da construción do CAPD

Os socialistas solicitarán respostas “urxentes” ante a evidente “deixación” de funcións da Xunta con este proxecto, que corre o risco de converterse nunha estrutura abandonada

Lembran que “xa son 6 anos de promesas incumpridas polos distintos representantes do Partido Popular, o que provocou que esta infraestrutura a día de hoxe non se materializase”

Dende o PSOE ourensán afirman que a situación “é grave”, xa que tal e como relatan “hai rapaces e rapazas que ao rematar a etapa escolar quedaron nas súas casas"

Óscar Gómez

Ourense | 25.03.2022 12:27

O Psoe denuncia a paralización da construción do CAPD | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o Partido Popular abandonan ás familias dos nenos e nenas con diversidade funcional de Ourense, trala paralización das obras do novo Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD). Os e as socialistas solicitarán nas distintas institucións respostas “urxentes” ante a evidente “deixación” de funcións da Xunta con este proxecto, que corre o risco de converterse nunha estrutura abandonada na cidade.

Os e as socialistas lembran que Ourense é a “única” provincia de Galicia que non conta cun centro de atención a persoas con diversidade funcional de xestión pública, que integre centro residencial, centro de día e de respiro familiar. Unha demanda “histórica” e que tal e como apuntan os representantes do partido do puño e da rosa na provincia de Ourense “xa son 6 anos de promesas incumpridas polos distintos representantes do Partido Popular, o que provocou que esta infraestrutura a día de hoxe non se materializase”. Un compromiso que foi acadado por todas as forzas políticas en setembro de 2016 e que a día de hoxe “segue sen rematarse”.

Dende o PSOE ourensán afirman que a situación “é grave”, xa que tal e como relatan “hai rapaces e rapazas que ao rematar a etapa escolar quedaron nas súas casas debido a que ir a un CAPD público obriga a desprazarse a outras provincias, o que supón romper o vínculo familiar, cuestión que fai absolutamente necesario contar con prazas de respiro familiar adaptadas aos seus familiares, xa que na actualidade as prazas ofertadas en Ourense son en centros xeriátricos”.

As socialistas sinalan que cando as persoas dependentes con discapacidade física, parálise cerebral e dano cerebral “acaban a etapa escolar, teñen 21 anos, e para elas un CAPD vai ser o resto da súa vida, polo tanto merécense un centro cunhas instalacións dignas e adaptadas as súas necesidades, que como mínimo, sexan como os das outras provincias galegas”. Neste senso, o PSdeG-PSOE de Ourense remarca que “xa vai sendo hora de rematar con esta discriminación a que se ve sometida á provincia de Ourense e apoiar as persoas con discapacidade e as súas familias, en lugar de darlle as costas como está a facer o Partido Popular”.

Ante as últimas noticias, nas que a Xunta anunciou que se abría un expediente para a rescisión do contrato das obras de construción do novo CAPD de Ourense, os e as socialistas amosan “profunda preocupación”, xa que esta situación “causará unha nova demora máis, que se suma as anteriores, e que vén a demostrar que nin Feijóo, nin a conselleira de Política Social teñen ningún interese en que este centro saia adiante”. Ante esta situación, dende o PSdeG-PSOE de Ourense anuncian iniciativas no Parlamento de Galicia para que o Partido Popular “aclare dunha vez cales van a ser os pasos que se van a dar para que este centro sexa unha realidade e que se remate dunha vez por todas coas trabas e a parálise”.

A deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; a vicevoceira no Concello de Ourense, Natalia González Beneitez; e a responsable de Política Social na CENG do PSdeG, Margarita Martín Rodríguez, participaron nun encontro con representantes da plataforma ProCAPD Ourense na que escoitaron as súas demandas e trasladáronlles o “compromiso firme de seguir a apoiar ás familias e reivindicar solucións nas distintas institucións a través de iniciativas”.