O goberno de Jácome decide perder unha subvención da Xunta para atender a persoas migrantes, e favorecer a súa inclusión social, porque a considera prescindible. “Tamén se destinaba parte da cuantía económica a cursos de aprendizaxe de castelán e galego, intervencións que incidían na integración social e laboral e asemade en programas de conciliación da vida familiar”, destacou a edil socialista Cristina Cruz Fernández.
“A xustificación dende a Concellería de Benestar Social é que non merece a pena solicitala, polo tanto, dende o grupo municipal socialista consideramos que é unha afrenta para os migrantes nun momento como o actual no que toda axuda é pouca”, engadiu sobre unha subvención que se viña efectuando dende o 2009 e que servía tamén para contratar a dúas persoas que orientaban e asesoraban a usuarios e usuarias con dúbidas.
Nesta liña, a edil do PSdeG incidiu en que a finalidade última dos proxectos que se desenvolvían era a de “garantir a igualdade de trato e non discriminación” e favorecer a inclusión das personas migrantes na nosa sociedade. “Este, por desgracia, non é un tema que lle preocupe ao Goberno de Jácome, que carece totalmente do compromiso social preciso”, rematou Cruz.