Tecnópole

O programa Connect-19 pecha co apoio a 20 empresas galegas

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, anunciou a continuidade do programa e salientou que “Galicia traballa por ser un referente na loita contra a pandemia desde a innovación, o emprendemento e o talento”

Óscar Gómez

Ourense | 13.01.2021 08:53

O programa Connect-19 pecha co apoio a 20 empresas galegas | onda cero

O Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas, Ourense) e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación, Gain- puxeron en marcha o pasado mes de xuño o programa Connect-19, unha aceleradora de pemes innovadoras especializada na comercialización de solucións para a loita contra o impacto da COVID-19. Neste programa participaron 20 empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade, que ao longo de cinco meses recibiron apoio para a comercialización dos seus produtos e/ou servizos, destinados a reducir os efectos sociais e económicos provocados pola pandemia.

Na súa intervención, o vicepresidente económico, Francisco Conde, salientou que “as 20 pemes que participaron na aceleradora Connect-19 son a proba de que Galicia traballa por ser un referente na loita contra a pandemia desde a innovación, o emprendemento e o talento”. Subliñou o compromiso do Goberno galego con este obxectivo a través de programas e liñas de axudas, como Connect-19, nas que se están a investir ao redor de 22 millóns de euros. E anunciou que este programa terá continuidade cunha nova convocatoria este mesmo ano.

Pola súa parte, a directora de Gain, Patricia Argerey, destacou que “en menos de seis meses as empresas participantes foron capaces de poñer a disposición do mercado produtos e servizos para que a nosa vida sexa máis fácil nesta situación de pandemia”. E resaltou o feito de que “o 60 % son microempresas, o que demostra que as empresas moi pequenas tamén poden innovar, polo que merece a pena apoialas para que as solucións que ofrecen teñan un longo percorrido neste contexto de incerteza que estamos a vivir”.

Produtos e servizos innovadores dos sectores da saúde, industrial, TIC, biotecnolóxico ou social

As pemes beneficiarias deste programa pertencen a sectores moi diversos: saúde, industrial, TIC, biotecnolóxico, social… Estas 20 empresas supoñen no seu conxunto 182 empregos, con 25 millóns de facturación en total e unha facturación exterior de 3 millóns de euros. Ofrecen solucións moi dispares na loita contra o impacto da COVID-19, desde unha aplicación para controlar e mellorar a nutrición dos pacientes hospitalarios, ingredientes cosméticos con capacidade antiviral, a creación de tecidos para combater bacterias e virus en almofadas e colchóns, e ata un kit que determina a perda do gusto e o olfacto para a detección precoz da enfermidade.

Son varias as empresas que desenvolveron diferentes elementos de hixiene e protección como pantallas faciais; máscaras ecolóxicas, reutilizables e biodegradables feitas con fibra vexetal... Tamén destacan diversos sistemas de control de acceso que miden a temperatura corporal e supervisan o uso de máscara en lugares transitados; cabinas de desinfección; un dispositivo para o recoñecemento de xestos destinado a minimizar o contacto con superficies contaminadas; ou un sistema de vixilancia de espazos públicos a través do uso de drons, que realiza un conteo de persoas e mide a distancia entre elas.

Así mesmo, púxose en marcha unha solución que permite levar a cabo todos os procesos dunha empresa desde unha mesma plataforma, evitando o contacto físico e potenciando o teletraballo; un espazo virtual para a celebración de reunións, feiras e outros eventos; escaparates dixitais; un dispositivo que fai posible que os usuarios interactúen con moitos tipos de máquinas sen necesidade de tocar as teclas ou as pantallas. Tamén destaca un sistema para favorecer os coidados personalizados dos maiores nas residencias e centros de día; e unha ferramenta pedagóxica que ensina aos escolares de xeito divertido as claves para non contaxiarse.

No marco deste programa elaborouse unha revista na que se relata a experiencia das 20 empresas participantes. Ademais, graváronse pílulas audiovisuais de cada unha delas. Este material está dispoñible na web http://connect19.gal.

Cargando...