Cultura

Presentación do número 46 da revista Raigame

Raigame presenta o segundo traballo da triloxía dedicada á investigación arqueolóxica na provincia desde 1920

Óscar Gómez

Ourense | 04.02.2022 11:05

Presentación do número 46 da revista Raigame | onda cero

A Deputación de Ourense acolleu a presentación do número 46 da revista Raigame, nunha nova edición especial que supón o segundo dos traballos da triloxía dedicada á investigación arqueolóxica na provincia desde o ano 1920. “Unha publicación coa que a Deputación leva colaborando desde os seus inicios, porque unas das liñas fundamentais da política cultural deste goberno provincial é a difusión e posta en valor do noso patrimonio”, destacou o vicepresidente da institución César Fernández na presentación da revista, na que estivo acompañado polo director, Xulio Fernández Senra, e o secretario da publicación, Javier Álvarez.

Raigame, afirmou César Fernández, “é un traballo senlleiro sobre o patrimonio cultural da provincia que se caracteriza polo seu alto valor científico, calidade investigadora e, ademais, literaria”. Unha publicación, engadiu “que nos achega ao patrimonio material e inmaterial tan numeroso no territorio ourensán”, converténdose nunha revista de referencia “non só para coñecer o noso, senón para trasladalo ao exterior desde a visión de persoas moi experimentadas e documentadas”.

Xulio Fernández Senra explicou pola súa banda que esta triloxía tivo como punto de partida a celebración en 2020 no centenario da revista Nós, “pero iniciados os primeiros pasos démonos conta de que estabamos a traballar sobre un labor con anos de historia realizado por un grupo moi numeroso de investigadores e arqueólogos ourensáns”. Así, o que en principio ía ser un monográfico “transformouse en tres números cos que tentamos abarcar a totalidade das investigacións realizadas na provincia de Ourense, a maioría desde 1920 coincidindo coa publicación da revista Nós, na que Florentino López Cuevillas xogou un importante papel promotor e divulgador da arqueoloxía”.

O número 46 de Raigame inclúe traballos sobre os fondos pétreos do Museo Arqueolóxico Provincial; o castro de San Cibrao de Las e o parque arqueolóxico da cultura castrexa en San Amaro; o castro da Cerdeira en Allariz; o castelo de Santiagoso na Mezquita; do castelo da Piconha en Calvos de Randín; os castros na Limia alta; as orixes da vila de Celanova; e os campamentos romanos de Penedo dos Lobos (Manzaneda), Cabeza de Pau (Petín), Lomba do Mouro (Verea), Chaira da Maza (Lobeira), Alto da Raia (Calvos de Randín), Outeiro de Armás (Verín), e o Castelo no Carballiño.

Os responsables de Raigame xa están a traballar no terceiro volume da triloxía que se publicará no mes de decembro, aínda que con anterioridade, en maio, sairá á luz un monográfico sobre o poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.